CCOO, CSIF e UGT convocan mobilizacións contra a Xunta polo “deterioro” das relacións laborais na Administración autonómica

Os sindicatos denuncian imposicións unilaterais, recortes de dereitos e falta de negociación real co persoal empregado público
sindicatos-folga-adminsitracion
29 May 2026

As organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT anunciaron o inicio dunha campaña de mobilizacións contra a Xunta de Galicia ante o que consideran unha “crecente deriva” da Administración autonómica nas relacións laborais co persoal empregado público. Os tres sindicatos denuncian unha política baseada na imposición de decisións unilaterais, o recorte de dereitos e a ausencia dun marco real de negociación colectiva.

Nun comunicado conxunto, as centrais sindicais alertan dun “retroceso preocupante” en cuestións relacionadas coa negociación colectiva, a seguridade xurídica, a transparencia e as condicións laborais do persoal da Administración autonómica, unha situación que, segundo aseguran, está a provocar tamén un deterioro progresivo dos servizos públicos.

CCOO, CSIF e UGT critican que a Xunta ignore de forma reiterada as demandas e advertencias das organizacións representativas do persoal e denuncian un “desprezo continuo” ás propostas sindicais, así como a falta de vontade para acadar consensos.

Entre os exemplos recentes desta situación, os sindicatos sinalan a modificación do decreto de listas de contratación temporal, aprobada malia o voto en contra das organizacións presentes na negociación. As centrais consideran que esta reforma reduce garantías e dereitos do persoal afectado e evidencia a falta de vontade negociadora da Administración.

Tamén denuncian o “caos” xerado na resolución de procesos selectivos, concursos de traslados e procesos de estabilización, con atrasos, falta de planificación e problemas de xestión que, segundo indican, están a provocar inseguridade e incerteza entre milleiros de aspirantes e empregados públicos.

Outro dos asuntos criticados é a decisión da Xunta de devolver a SEAGA a xestión das brigadas de prevención e defensa contra incendios forestais, despois de que no ano 2019 a propia Administración autonómica decidise integrar eses efectivos no Servizo de Prevención de Incendios da Consellería do Medio Rural.

As tres organizacións sindicais reclaman a paralización da reforma do decreto de listas, a resolución definitiva dos procesos de concurso, oposición e estabilización “coa máxima seguridade xurídica” e o reforzo do servizo público de prevención de incendios mediante xestión directa da Consellería.

Ademais, exixen avances en cuestións pendentes como a implantación da xornada laboral de 35 horas, a apertura dun novo acceso extraordinario á carreira profesional, o desenvolvemento do grupo B de clasificación profesional, a implantación do concurso aberto e permanente ou a mellora das condicións do persoal de ámbitos como educación, medio ambiente ou servizos de extinción de incendios.

Os sindicatos consideran que a situación actual require unha resposta “organizada desde a unidade de acción sindical” para recuperar o diálogo social e mellorar tanto as condicións laborais como a calidade dos servizos públicos.

A campaña de mobilizacións arrincará o vindeiro 10 de xuño cunha concentración en San Caetano. CCOO, CSIF e UGT fan un chamamento á participación do conxunto do persoal empregado público e tamén da cidadanía galega na defensa “duns servizos públicos dignos e de calidade”.

0.30111193656921