CCOO cualifica de "abusivos" os servizos mínimos da Xunta para a folga do 11N

Comisións Obreiras (CC OO) denuncia o carácter «abusivo» da proposta de servizos mínimos presentada pola Xunta de Galicia para a folga xeral do vindeiro 11 de novembro. O sindicato considera que a Administración autonómica pretende garantir un funcionamento ordinario dos servizos, limitando así o exercicio efectivo do dereito fundamental de folga. Fronte a esta proposta, CC OO formulou unha alternativa para garantir exclusivamente a prestación dos servizos esenciais, sen que a Administración autonómica ofrecese resposta a esta petición.
A denuncia prodúcese despois da reunión mantida esta semana coa Xunta de Galicia para cumprir o trámite de audiencia ás organizacións sindicais sobre os servizos mínimos nos ámbitos da Administración autonómica, agás o Sergas e os seus entes dependentes —tanto públicos coma privados—. A proposta abrangue, entre outros, sectores como o autonómico, o ensino, o transporte, a Xustiza ou a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG).
CC OO reprochoulle á Administración que a convocatoria da reunión se remitise apenas 24 horas antes, sen tempo dabondo para estudar a documentación e analizar con rigor as propostas. Ademais, o contido presentado pola Xunta foi cualificado polo sindicato como unha «proposta abusiva, non de servizos mínimos», xa que establece uns niveis de actividade equivalentes aos dunha xornada ordinaria de traballo.
«A Xunta pretende vulnerar o dereito de folga e utilizaremos todas as ferramentas ao noso alcance para defender o exercicio deste dereito fundamental», advirte a secretaria de Organización de CCOO, Maica Bouza. A sindicalista subliña que, ao longo dos últimos anos, foron numerosas as sentenzas condenando a Administración por vulnerar este dereito fundamental.
A preocupación do sindicato esténdese tamén ás propostas remitidas por outras administracións. O mércores chegaron as comunicacións relativas aos servizos mínimos do Sergas e dos seus entes dependentes, así como da Administración xeral do Estado. Neste caso, ás organizacións sindicais déuselles de prazo ata este venres para presentar alegacións.
Porén, a análise dos documentos recibidos leva a CC OO a cuestionar que exista unha vontade real de facilitar o exercicio do dereito de folga. «O que estamos vendo nas distintas administracións é unha tendencia a establecer uns servizos mínimos que van moito máis alá do que resulta imprescindible para garantir os servizos esenciais», sinala o sindicato.