CCOO demanda a xubilación anticipada para condutores pola alta mortalidade e sinistralidade

O sector emprega unhas trinta mil persoas en Galicia, das cales un terzo podería estar en idade de xubilarse nos próximos cinco anos
chofer-condutor-autobus
23 Jun 2026

A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO de Galicia acolle positivamente o informe da Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social sobre a morbilidade e mortalidade das persoas profesionais da condución. O responsable do sector de Estradas, José Manuel Costas, salienta que o documento «confirma o que levamos anos denunciando»: as condicións laborais deste colectivo teñen un impacto directo na saúde das persoas traballadoras e dificultan que poidan exercer a profesión ata idades avanzadas.

O informe conclúe que o colectivo presenta elevados índices de mortalidade e morbilidade, cunha incidencia que aumenta coa idade. Para CCOO, estas conclusións reforzan a necesidade de avanzar no recoñecemento dos coeficientes redutores da idade de xubilación, unha medida que permitiría facilitar o acceso á xubilación anticipada das persoas profesionais da condución.

Costas sinala que o transporte por estrada constitúe un sector estratéxico para a economía galega, pois emprega unhas 30 000 persoas, especialmente ligadas aos principais polos industriais do país e fundamentais para garantir o abastecemento e a mobilidade de mercadorías. Destas, unhas dez mil poderían estar en idade de xubilarse nos próximos cinco anos.

Para a FSC-CCOO de Galicia, o recoñecemento dos coeficientes redutores é unha «cuestión de xustiza» para miles de profesionais que desenvolveron toda a súa vida laboral nunha actividade especialmente esixente. Agarda que os informes aínda pendentes permitan constatar «que se dan as condicións legalmente previstas» para facer realidade esta demanda.

0.33385896682739