CCOO denuncia a falta de diálogo da Xunta e convoca folga no comercio galego

CCOO presenta o Informe Comercio — Black Friday 2025 e critica que a Xunta aprobase o calendario de domingos e festivos de 2026 sen consultar coa representación sindical
Black Friday
28 Nov 2025

A Federación de Servizos de CCOO de Galicia presentou hoxe o Informe Comercio — Black Friday 2025, un diagnóstico que evidencia, segundo o sindicato, a continuidade da precariedade estrutural no sector: parcialidade imposta, horarios imprevisibles, cargas de traballo excesivas e un incremento alarmante dos riscos músculo-esqueléticos e dos problemas de saúde mental.

Durante a rolda de prensa, CCOO advertiu de que o comercio segue funcionando “a costa da saúde e da dispoñibilidade permanente” das persoas traballadoras, nun contexto de plantillas insuficientes e de presión comercial constante.

A organización sindical denunciou ademais a decisión da Xunta de Galicia de aprobar o calendario de domingos e festivos de apertura para 2026 sen ningún proceso de consulta coa representación das traballadoras e traballadores. Esta medida, sinalaron, elimina a posibilidade de gozar de dúas fins de semana completas de descanso en xullo e agosto e prexudica de forma directa a conciliación nunhas datas especialmente sensibles en Galicia. Para CCOO, trátase dunha “imposición inaceptable” que afecta a decenas de miles de persoas empregadas no comercio.

Como resposta, o sindicato anunciou dúas xornadas de folga no comercio galego: o 26 de xullo e o 15 de agosto, en defensa dos dereitos laborais, da saúde e da conciliación. CCOO reclama que calquera decisión sobre horarios comerciais conte coa participación das organizacións sindicais máis representativas e urxe á Xunta a rectificar e abrir un diálogo real.

No plano laboral, o Informe Comercio — Black Friday 2025 inclúe previsións específicas para Galicia durante a campaña de vendas de outubro a decembro. Os datos sinalan que o emprego pasará dos 135.433 postos de outubro aos 136.973 ao finalizar o período, un incremento do 1,1% que supón a creación de 1.540 empregos. Galicia sitúase así por baixo da media estatal, do 2%, e doutras comunidades como Andalucía (4%), Valencia (3,7%) e Canarias (3,2%).

⚙ Configurar cookies
0.55384397506714