CCOO denuncia a “persecución e acoso” ás persoas traballadoras polo feito de enfermaren e pide medidas preventivas axeitadas

O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia denunciou a «persecución e acoso» ás persoas traballadoras «polo simple feito de enfermaren» e pediu medidas axeitadas para a protección da saúde nos centros de traballo. «É evidente que existe unha campaña orquestrada de acoso contra quen cae enfermo, a miúdo como consecuencia directa das condicións laborais», sinalou o secretario de Saúde Laboral de CCOO, Armando Iglesias.
No que vai de ano, contabilizáronse en Galicia un total de 14.315 accidentes de traballo, dos cales 14.062 foron leves, 221 graves e 32 mortais. Con estes datos, Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior incidencia, con 0,44 accidentes por cada cen mil persoas traballadoras.
Segundo Iglesias, «as empresas non deixan de se queixar dos supostos altos índices de absentismo, aínda que adoitan denominar así calquera ausencia, mesmo as que están plenamente xustificadas». O sindicalista engadiu que estas compañías ignoran que «a sobrecarga de traballo é cada vez maior, a competencia desmesurada pola produtividade incrementa os movementos repetitivos e a normativa de prevención continúa sen se cumprir con rigor».
CCOO tamén criticou a «complicidade interesada das mutuas, que eluden responsabilidades, negan atención médica e derivan as persoas enfermas á Seguridade Social». Iglesias tachou esta práctica de «fraudulenta», tanto polos dereitos das persoas traballadoras como pola súa contribución a «saturar a sanidade pública».
Reproches para as administracións
Cada ano, ao redor de 30.000 persoas traballadoras sofren un accidente laboral en Galicia, medio milleiro resultan con danos graves e unhas sesenta perden a vida no seu posto. «Empresas e gobernos, tanto autonómico como central, seguen mirando na dirección equivocada, desatendendo as verdadeiras causas e criminalizando as persoas que enferman, como se isto fose unha decisión voluntaria», denunciou Iglesias.
Para o sindicato, a primeira causa das baixas médicas está nos empresarios «por non coidaren a saúde laboral», seguida das mutuas, «por incumpriren as súas funcións e deixaren desamparadas as vítimas de accidentes e enfermidades profesionais». A maiores, acusan á Xunta de favorecer a sanidade privada «mentres deixa esmorecer a pública», e ao Goberno central de «pretender maquillar a situación cun sistema de altas progresivas en lugar de afrontar o problema de raíz».
«Por se isto fose pouco —engadiu Iglesias— agora súmase unha nova ferramenta ao servizo das empresas: a chamada Policía Médica, concibida unicamente para presionar e forzar altas, mesmo cando a persoa traballadora non está restablecida».
Propostas de CCOO
O sindicato reclama unha reforma da Lei de Prevención de Riscos Laborais, máis medios para a Inspección de Traballo, sancións exemplares ás empresas incumpridoras e frear a fraude das mutuas. Ademais, esixen reforzar a sanidade pública para garantir unha atención de calidade e reducir unhas listas de espera que prolongan de xeito inxusto as incapacidades temporais.