CCOO denuncia que a convocatoria de 117 prazas confirma a falta de persoal no operativo contra incendios

A Consellería do Medio Rural realizou onte un chamamento urxente para cubrir 117 postos vacantes no Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF). As prazas ofertadas inclúen emisoristas-vixilantes, bombeiros forestais, xefas de brigada e condutoras-motobomba.
Para CCOO, esta convocatoria confirma as denuncias que o sindicato vén realizando desde febreiro de 2025 sobre a grave situación que atravesa o dispositivo debido á falta de cobertura de prazas e á non substitución de baixas de longa duración. En Ourense, a situación é especialmente crítica, con 25 vacantes sen cubrir, e máis de 200 en toda Galicia. Esta carencia afecta brigadas, motobombas, puntos de vixilancia e centros de coordinación.
O sindicato advirte de que a falta de persoal condiciona gravemente a eficacia do operativo de extinción e incrementa os riscos para profesionais que xa desenvolven un traballo de alto perigo. “É inaceptable e inxustificable que, en plena vaga de lumes e a mediados de agosto, Medio Rural non teña cubertas todas as prazas do SPIF”, subliñou Óscar Rodríguez González, delegado de CCOO e presidente do Comité de Empresa da Consellería do Medio Rural en Ourense.
CCOO insiste na cobertura inmediata e urxente do 100% dos postos vacantes e denuncia a situación de precariedade na que se atopan os equipos de extinción. Ademais, lembra que os problemas laborais estruturais do colectivo repercuten directamente na calidade e eficacia do servizo.