CCOO desconvoca a folga de trens tras acadar un acordo que reforza a seguridade e o emprego no sector ferroviario

A Federación de Servizos á Cidadanía de Comisiones Obreras (CCOO) anunciou a desconvocatoria da folga de trens prevista para os días 10 e 11 de febreiro tras acadar un acordo no Ministerio de Transportes que recolle as principais reivindicacións defendidas polo sector ferroviario.
Segundo explicou o sindicato, o pacto é froito da presión exercida polas mobilizacións, do traballo sindical sostido e da unidade das persoas traballadoras. O acordo contempla a creación de grupos de traballo estables coordinados pola Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF), nos que participarán organizacións sindicais, Adif e as empresas ferroviarias, co obxectivo de avanzar cara a un sistema máis seguro e moderno.
Entre as medidas acordadas inclúense protocolos específicos para situacións meteorolóxicas adversas, a regulación das notificacións do persoal de condución para reforzar a cultura preventiva, a definición de criterios sobre tripulacións mínimas e a clarificación normativa sobre condución e descansos, establecendo que só se considerará interrompida a condución cando exista unha pausa real de polo menos 45 minutos.
Tamén se acordou a creación do Comité Estatal de Coordinación de Riscos Ferroviarios nun prazo máximo dun mes, así como grupos específicos para o seguimento das limitacións temporais de velocidade (LTV) e a implantación dunha norma común de cultura xusta en todo o sector.
No eido do investimento, un dos puntos clave do acordo é a autorización dun plan específico para o mantemento da infraestrutura ferroviaria, que suporá un incremento do 15 % do gasto previsto para 2026 e do 20 % nos anos posteriores ata 2030. Ademais, ampliarase e renovarase o parque de vehículos de mantemento, con ata 300 novos vehículos de estrada.
En materia de emprego, autorízase unha taxa adicional de emprego público que permitirá a incorporación de 2.400 prazas en Adif ata 2030, 1.200 contratacións adicionais no Grupo Renfe e 50 novas prazas na AESF. O acordo inclúe tamén a internalización do mantemento dos novos trens de proximidades, media distancia e alta velocidade adquiridos por Renfe.
CCOO subliñou que fará un seguimento rigoroso do cumprimento dos compromisos adquiridos e destacou que o acordo “demostra que a mobilización serve” e que a defensa colectiva dun ferrocarril público, seguro e sostible dá resultados.