CCOO desmente que vaia denunciar persoal municipal do Grove por facer horas extra

Comisións Obreiras no Concello do Grove desmentiu rotundamente que vaia denunciar persoal municipal por facer horas extra, tal e como se recolleu recentemente nun medio de comunicación. O sindicato cualifica estas informacións de falsas e sen fundamento, e insiste en que o seu único obxectivo é a defensa colectiva dos dereitos laborais do cadro de persoal.
Nun comunicado, CCOO denuncia que continúa bloqueada a negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) no Concello do Grove, malia as reiteradas peticións de diálogo realizadas pola representación sindical. Segundo explica, a corporación municipal segue sen convocar a mesa de negociación nin fixar reunións para abordar cuestións estruturais como a cobertura de postos, a estabilización do emprego, a aplicación das subas salariais aprobadas polo Goberno ou necesidades básicas en áreas como cultura e xestión de persoal.
O sindicato lembra que, ante esta falta de vontade negociadora, mantén mobilizacións pacíficas e lexítimas, con concentracións todos os venres diante da Casa do Concello desde o pasado mes de decembro. Estas protestas, sinala, teñen como obxectivo visibilizar o malestar do persoal municipal e reclamar solucións ao actual bloqueo da negociación colectiva.
CCOO alerta tamén dunha situación especialmente grave que afecta a parte do persoal municipal, que aínda non percibiu os atrasos salariais correspondentes ao exercicio 2025, malia teren sido aprobados e cobrados pola maioría do cadro de persoal. Esta circunstancia, advirte, supón un prexuízo inxustificado e incrementa a tensión laboral existente.
En relación coas informacións que apuntan a supostas presións ao persoal, o sindicato rexeita de forma categórica calquera acusación nese sentido e esixe aos medios de comunicación rigor e contraste das fontes. “Nunca se promoveu nin se pretende promover ningunha denuncia contra traballadores ou traballadoras por facer horas extra”, subliña.
Finalmente, Comisións Obreiras aclara que o conflito colectivo que promoverá ten como finalidade desbloquear a negociación da RPT e reclamar o cumprimento efectivo dos dereitos laborais recoñecidos. Neste marco, explica, poderán ser chamados a responder os responsables políticos ou xurídicos que estean a obstaculizar inxustificadamente o proceso, sempre con pleno respecto á legalidade vixente.