CCOO destaca a importancia dun desenvolvemento eólico socialmente xusto e baseado no diálogo

A secretaria xeral de CCOO-Galicia, Amelia Pérez, participou nunha xornada sobre o futuro da enerxía eólica e reclamou un modelo que combine participación social, emprego de calidade e respecto ambiental, co diálogo como eixo central.
ccoo
29 Oct 2025

A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, subliñou este martes a relevancia do diálogo e da participación social na implantación da enerxía eólica durante unha xornada monográfica celebrada en Santiago. O encontro serviu como foro de presentación das conclusións do proxecto Sociedade, eólica e traballo: propostas para un modelo de desenvolvemento eólico en Galicia socialmente xusto, elaborado polo Instituto Sindical de Traballo, Ambiente e Saúde (ISTAS) da Fundación 1.º de Maio en colaboración con CCOO.

Na apertura do acto, Pérez agradeceu “o traballo das distintas mesas e de todas as persoas participantes pola súa entrega e talante”, destacando que “antes de facer propostas, hai que escoitar as outras partes que participan da mesma acción”. O obxectivo, explicou, é “acadar conclusións útiles para un desenvolvemento eólico socialmente xusto, algo prioritario para a implantación das renovables en Galicia”.

O documento presentado recolle 45 medidas para avanzar cara a un modelo de transición enerxética xusta e equilibrada, baseado na participación cidadá, o emprego de calidade e o respecto ambiental.

As propostas estrutúranse en seis bloques temáticos: o diálogo no desenvolvemento da enerxía eólica; o impacto ambiental; as compensacións e oportunidades para os territorios; a normativa e as políticas autonómicas; a repotenciación; e o desenvolvemento industrial e laboral.

Entre as principais conclusións, CCOO destaca a necesidade de implicar a sociedade civil tanto na definición das normas e plans de desenvolvemento como na tramitación de cada proxecto. O sindicato reclama que a Xunta de Galicia habilite mecanismos de diálogo cos distintos actores sociais e económicos, mentres que os promotores eólicos deben garantir información temperá e completa, así como negociar coas entidades locais medidas compensatorias polos posibles impactos.

No ámbito da eólica mariña, o sindicato considera esencial crear espazos de diálogo entre o sector pesqueiro e as empresas para garantir unha coexistencia equilibrada, delimitando correctamente as zonas designadas nos Plans de Ordenación do Espazo Mariño (POEM).

Finalmente, o documento propón reconsiderar o uso das declaracións de interese público e das facultades de expropiación, limitándoas a casos excepcionais e só para liñas de evacuación eléctrica, así como modificar o canon eólico, que debería calcularse segundo a potencia das instalacións e destinarse integramente aos concellos afectados.

⚙ Configurar cookies
0.29531192779541