CCOO esixe á Xunta que deixe de ocultar o plan para recortar as baixas médicas

Comisións Obreiras pregunta polo «secuestro» por parte da Xunta de Galicia do denominado «Plan integral para a mellora da prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo en Galicia 2026-2029», asinado o pasado 7 de agosto polo Goberno galego, a Confederación de Empresarios de Galicia e a UGT. O sindicato reclama a inmediata difusión do documento para o coñecemento do conxunto da cidadanía, xa que, mentres o seu contido permanece oculto, as persoas traballadoras sofren en primeira persoa as medidas que a Xunta vén tomando nos últimos meses para recortar as baixas.
CCOO lembra que non participou na mesa do diálogo social en que se chegou a ese pacto porque non comparte o «enfoque culpabilizador sobre as persoas traballadoras» que, ao seu xuízo, presidiu a negociación.
Malia todo, Comisións considera «imprescindible» coñecer as medidas concretas que pretende aplicar a Xunta antes de que sexan aprobadas e publicadas oficialmente. O Goberno galego anunciou o pasado 7 de agosto que, tras completar a tramitación administrativa do plan e concretar as medidas e a dotación orzamentaria correspondente, sería aprobado nunha reunión do Consello da Xunta, «previsiblemente durante o mes de setembro». No que vai de mes, xa houbo tres xuntanzas deste órgano —os días 1, 7 e 14— e, polo de agora, non se produciu a dita aprobación.
Para o CCOO, a demora non é un problema puramente administrativo, senón «unha mostra da falta de transparencia deste proceso», onde a meirande parte da representación sindical do país ficou á marxe. Por outra banda, Comisións sinala que os acontecementos recentes reforzan a súa denuncia de que o Partido Popular está a utilizar Galicia como «banco de probas» para impulsar unha determinada orientación sobre as baixas laborais.
A este respecto, o sindicato subliña que a pasada semana, a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, anunciou durante o debate autonómico un «plan integral contra o absentismo laboral», centrado na xestión do que cualifica como «ausencias inxustificadas», na elaboración dunha guía práctica para as empresas, no seguimento e clasificación das ausencias e no establecemento de indicadores comúns.
O anuncio madrileño presenta elementos próximos ao enfoque que CCOO xa criticou no caso galego, ao situar no centro do debate a xestión das ausencias e as necesidades das empresas, en lugar de abordar as causas estruturais que están detrás do incremento da duración das incapacidades temporais. «O que está a suceder confirma que Galicia foi utilizada como laboratorio para unha política que agora se pretende estender a outros territorios», denuncia.
Comisións Obreiras insiste en que non se pode confundir o absentismo laboral coas baixas médicas xustificadas por profesionais sanitarios. «As persoas traballadoras que se atopan en situación de incapacidade temporal están protexidas polo sistema público de saúde e, en moitos casos, padecen enfermidades graves, problemas de saúde mental, lesións ou agardan por intervencións cirúrxicas», enfatiza o sindicato.
Por último, CCOO apunta que «a fraude existe», pero matiza que «feitos de actualidade demostran que está moito máis estendida no seo das empresas ca entre as persoas traballadoras». O sindicato considera que a Xunta debería poñer o foco na prevención eficaz dos riscos laborais, na mellora da sanidade pública, na redución das listas de agarda, no control das xornadas e das horas extraordinarias non pagadas e no reforzamento dos medios da Inspección de Traballo.