CCOO forza a corrección de erros nas achegas ao plan de pensións da construción en Pontevedra

CCOO do Hábitat conseguiu a corrección de erros graves nas achegas ao plan de pensións do sector da construción en Pontevedra, tras detectar importantes fallos nos cálculos incluídos nos acordos previos do convenio provincial.
A intervención do sindicato foi determinante para evitar unha situación especialmente prexudicial para o persoal, xa que os erros supuñan, nalgúns casos, unha redución superior ao 50 % das contías que lles correspondían ás persoas traballadoras.
Ante esta situación, CCOO esixiu a revisión inmediata dos cálculos e a reformulación da proposta, o que levou á convocatoria dunha nova reunión do convenio provincial da construción.
Corrección dos erros e novos acordos
Como resultado da actuación sindical, corrixíronse as contías e elaborouse un novo documento que foi debatido na reunión celebrada o 16 de marzo.
Durante a sesión aprobáronse cuestións clave para o sector, entre elas a actualización das táboas salariais para os anos 2025 e 2026, conforme ao VII Convenio Xeral do Sector da Construción.
En concreto, aplicarase un 0,4 % adicional sobre as táboas de 2024 con efectos desde o 1 de xaneiro de 2025, sen carácter retroactivo; un incremento salarial do 3,5 % para 2025; e un 3 % para 2026. Ademais, inclúese unha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC.
Achegas ao plan de pensións e melloras laborais
No relativo ao plan de pensións sectorial, unha vez corrixidos os erros, acordáronse novas contribucións empresariais para adaptar o convenio ao marco estatal.
Así, para 2025 establécese un incremento adicional do 0,5 % sobre os conceptos salariais, mentres que para 2026 se fixa unha contribución do 0,25 %.
A reunión permitiu tamén actualizar diferentes conceptos extrasalariais, como o desgaste de ferramentas, a compensación por falta de roupa de traballo ou as axudas por desprazamento.
Outro dos avances destacados foi a ampliación da xornada intensiva de verán a tres meses, mantendo ademais os 15 minutos de pausa para o bocadillo como tempo efectivo de traballo.
Valoración sindical
Desde CCOO do Hábitat valoran este resultado como unha mostra da importancia da acción sindical, destacando que “vixiar, detectar erros, denunciar e corrixir segue a ser fundamental para garantir que os dereitos das persoas traballadoras se respecten integramente”.