CCOO mobilízase en Vigo para reclamar o descanso dos traballadores do comercio e chama á folga do 15 de agosto

O sindicato critica as aperturas en domingos e festivos, especialmente durante o verán, e denuncia as horas extras non pagadas e o bloqueo da patronal
cco-mobilizacion-comercio-vigo
11 Aug 2026

Comisións Obreiras (CCOO) protagonizou este martes unha concentración en Vigo para reclamar o dereito ao descanso das traballadoras e traballadores do comercio e denunciar o impacto das aperturas en domingos e festivos sobre a conciliación da vida laboral, familiar e persoal.

A mobilización reuniu centos de persoas entre o Corte Inglés de Gran Vía e o centro comercial Vialia e forma parte da campaña que CCOO leva meses desenvolvendo para reclamar mellores condicións laborais no sector. A concentración tamén serviu como antesala da folga convocada polo sindicato para o próximo sábado, 15 de agosto.

CCOO reclama revisar o actual modelo de aperturas comerciais e considera especialmente inxustificada a autorización destas durante os meses de verán. A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Amelia Pérez, explicou ante os medios de comunicación que nos últimos anos se foi “normalizando” a apertura do comercio en domingos e festivos, aínda que considerou “especialmente inxustificada” esta práctica durante o período estival.

Segundo sinalou Pérez, as vendas no comercio adoitan diminuír durante os meses de verán, polo que rexeita con maior contundencia a apertura dos establecementos nestas datas e reclama que se revise esta medida.

A dirixente sindical tamén criticou as recentes declaracións do presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, sobre o incremento da conflitividade en Galicia. Pérez afeoulle ao responsable da patronal a actitude de bloqueo das empresas, “que se negan a repartir os beneficios que sempre reclamamos desde CCOO”. Ao respecto, asegurou que “se imperase o sentido común na clase empresarial deste país, non teriamos que chegar ata estes extremos”.

Amelia Pérez vinculou esta posición coa visión que, ao seu xuízo, mantén a propia patronal sobre o denominado “absentismo”, ao considerar que se culpabiliza a clase traballadora. Neste sentido, lembrou que CCOO se desmarcou do acordo asinado a pasada semana no ámbito do diálogo social porque “sabiamos como ía rematar esta cuestión”.

A secretaria xeral de Comisións Obreiras tamén puxo o foco nas horas extras realizadas en Galicia. Pérez lembrou o recente informe presentado por CCOO a nivel estatal sobre esta cuestión, segundo o cal na comunidade se realizan case 347.000 horas extras cada semana, das que o 40 % non se pagan.

A responsable sindical cualificou esta cifra de “inasumible” e próxima á “explotación laboral”, e sinalou especificamente os casos da hostalaría e do comercio galegos.

Pola súa banda, Iván Cordeiro, secretario xeral da Federación de Servizos de CCOO, criticou que a Xunta autorizase este ano as aperturas en domingos e festivos sen realizar unha consulta previa cos sindicatos. Segundo denunciou, “é a primeira vez na historia” que se toma unha decisión deste tipo “sen contar con todos os sindicatos”.

Cordeiro defendeu que as fins de semana e os festivos deben ser días destinados á vida familiar e á conciliación, resumíndoo como “tempo libre para vivir”. Sobre as posibilidades de atopar unha solución, advertiu de que existe “un ataque frontal” ao descanso dominical e festivo.

O responsable sindical sinalou que esta situación non se limita a Galicia, senón que tamén se estende a outros países europeos. Neste sentido, explicou que as patronais están a exercer presión para ampliar as posibilidades de apertura comercial, ao entender as compras como unha forma de lecer.

Fronte a esta tendencia, Cordeiro contrapuxo o caso alemán, onde o descanso dominical está recoñecido constitucionalmente.

0.31312608718872