CCOO pide prudencia nas estradas tras un novo incidente cun traballador de conservación viaria

A Federación do Hábitat reclama máis protección para o persoal que realiza labores de mantemento e conservación das vías
melloras-estradas-Ministerio-en-Lugo
2 Jul 2026

Coincidindo co incremento dos desprazamentos propios da época estival, a Federación do Hábitat de CCOO fai un chamamento á responsabilidade das persoas condutoras para que «extremen a prudencia» nos tramos con obras ou actuacións de conservación viaria. A súa secretaria xeral, Alejandra Gesto, lembra que detrás de cada intervención «hai profesionais que traballan para garantir a seguridade das estradas e que teñen dereito a desenvolver o seu labor sen poñer en risco a súa integridade».

Esta chamada de atención prodúcese tras o incidente sufrido durante a quenda de noite do martes, 30 de xuño, por un traballador do centro de conservación de estradas da UTE PO-02, na autovía A-57. Segundo expón CCOO, un vehículo atravesou a gran velocidade a zona de traballo, poñendo en risco a integridade do operario. Posteriormente, o condutor «encarouse con el despois de ser advertido da perigosidade desta conduta».

Desde CCOO-Hábitat trasladan o seu apoio ao traballador afectado e condenan este comportamento, ao tempo que advirten de que situacións deste tipo «non son casos illados, senón unha realidade á que o persoal de conservación viaria se enfronta con demasiada frecuencia».

Alejandra Gesto explica que este colectivo presta un servizo esencial para o conxunto da cidadanía, mantendo as vías en condicións de seguridade, atendendo incidencias, reparando danos, sinalizando perigos e intervindo en situacións de emerxencia. «Trátase dun traballo que, en moitas ocasións, se desenvolve en condicións especialmente complexas, durante a noite ou con circulación aberta ao tráfico», apunta a sindicalista.

Ao mesmo tempo, reclámalles ás empresas concesionarias e ás administracións competentes que «reforcen as medidas de prevención e protección do persoal» de conservación viaria, «especialmente nas intervencións nocturnas e nos puntos de maior risco». Entre outras actuacións, coida necesario mellorar a sinalización das zonas de traballo, a iluminación, os protocolos de seguridade e a coordinación cos servizos de emerxencia.

0.31693696975708