CCOO reclama que o Consello Galego das Persoas Maiores garanta unha participación efectiva nas políticas públicas

Desde a organización sindical lembran que a constitución deste organismo é unha reivindicación mantida durante máis dunha década
maiores-man-saf-axuda-
8 Jun 2026

A Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia presentou as súas achegas á consulta previa do decreto que regulará a creación do Consello Galego das Persoas Maiores, un órgano que o sindicato considera fundamental para recuperar a representación institucional deste colectivo nas políticas públicas da comunidade autónoma.

Desde a organización sindical lembran que a constitución deste organismo é unha reivindicación mantida durante máis dunha década, tras a supresión en 2015 do anterior órgano de participación das persoas maiores por parte da Xunta de Galicia. Segundo CCOO, aquela decisión deixou sen voz directa a un sector da poboación que representa unha parte moi significativa da sociedade galega.

O sindicato valora positivamente a recuperación deste espazo de participación, ao considerar que permitirá ás persoas maiores trasladar as súas demandas e contribuír de maneira activa ao deseño, desenvolvemento e avaliación das políticas públicas que afectan á súa calidade de vida e benestar.

Con todo, CCOO advirte de que o novo Consello Galego das Persoas Maiores non debe limitarse a desempeñar un papel meramente consultivo. A organización defende que este órgano conte cunha participación real na planificación, execución e seguimento das actuacións públicas dirixidas a este colectivo.

Entre as propostas remitidas á Administración autonómica figura a creación dun modelo baseado nun único órgano plenario e cunha composición plural na que estean representadas as consellarías vinculadas ao benestar das persoas maiores, a Administración central, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), as organizacións sindicais máis representativas de Galicia a través das súas federacións ou agrupacións de persoas maiores, a organización empresarial máis representativa e as principais entidades de maiores da comunidade.

No que respecta ás funcións do futuro Consello, CCOO considera imprescindible que informe de forma preceptiva os proxectos normativos e os plans relacionados coas persoas maiores, ademais de realizar o seguimento e a avaliación do seu grao de cumprimento. Tamén propón que reciba información sobre as convocatorias de subvencións e axudas destinadas á terceira idade, que impulse estudos e campañas orientadas á mellora da súa calidade de vida e que poida elaborar propostas de actuación para trasladar ás diferentes administracións e entidades implicadas.

A Federación de Pensionistas reclama ademais que o órgano conte cun regulamento de funcionamento propio, que deberá aprobarse nun prazo máximo de seis meses desde a súa constitución, así como a celebración dun mínimo de tres reunións anuais. Igualmente, solicita que os seus pronunciamentos sobre proxectos normativos adopten a forma de ditames elaborados polo propio Consello.

Para CCOO, a creación deste organismo debe supoñer un paso adiante na participación efectiva das persoas maiores na toma de decisións públicas e converterse nun instrumento útil para defender os seus intereses e necesidades.

0.39658999443054