CCOO reclama un protocolo real e eficaz que garanta a seguridade das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar

Na recente reunión coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), na que se presentou o borrador do novo Protocolo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), CCOO do Hábitat fixo un chamamento a introducir medidas reais e efectivas que garantan a seguridade das traballadoras. A organización sindical valorou que exista un documento aberto, mais advertiu de que non pode converterse en norma mentres non se acompañe dun cambio lexislativo e dunha definición clara de responsabilidades.
«A ambigüidade actual deixa ás auxiliares desprotexidas ante situacións de risco e violencia», sinalou Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO do Hábitat, quen lamentou que no SAF «nin hai saúde nin prevención». Segundo explicou, moitos concellos ocultan agresións e acosos sufridos polas traballadoras, «só visibilizados cando ocorre unha traxedia».
CCOO reclamou tamén á Xunta que clarifique en que circunstancias se pode suspender un servizo por risco e que tarefas corresponden realmente ás auxiliares, co obxectivo de evitar abusos e conflitos nos domicilios. O sindicato pediu ademais eliminar os riscos en vez de rotar persoal en vivendas perigosas, garantir o cumprimento do convenio colectivo e incorporar o enfoque de violencia laboral nas avaliacións de riscos.
Carmen Vilar, secretaria de Saúde Laboral de CCOO-Hábitat, lembrou que a seguridade das traballadoras é «un dereito fundamental» e que ningún dereito de usuario pode situarse por riba da súa vida nin da súa saúde. «O servizo de axuda no fogar non pode seguir sendo un burato negro onde todo vale. As traballadoras teñen dereito a volver seguras á casa cada día», destacou.
CCOO-Hábitat anunciou que continuará presentando alegacións e propostas para que o futuro protocolo se converta nun instrumento útil, vinculante e con recursos reais que permitan garantir a integridade e dignidade das profesionais do sector.