CCOO reclámalle á Xunta unha mesa de diálogo social sobre dependencia e recuperar o Consello Galego das Persoas Maiores

A Federación de Pensionistas de CCOO presentou o Observatorio social das persoas maiores, onde denuncia as longas listaxes de espera na dependencia e esixe á Xunta máis cobertura pública e a recuperación do Consello Galego das Persoas Maiores.
27 Sep 2025

A Federación de Pensionistas de CCOO presentou este xoves en Santiago de Compostela unha nova edición do Observatorio social das persoas maiores, elaborado cada ano pola Federación estatal de Pensionistas e a Fundación 1.º de Maio. No acto participaron Ramiro Otero, secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia; Amelia Pérez, secretaria xeral do S. N. de CCOO de Galicia; e Juan Sepúlveda, secretario xeral estatal da Federación de Pensionistas de CCOO.

Na súa intervención, Amelia Pérez criticou as longas listaxes de espera no acceso ás prestacións por dependencia, o que “fai que moita xente quede fóra”. Sinalou que o sistema “ten que mudar”, tanto no relativo ás residencias como ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Denunciou tamén as fendas de xénero, que provocan pensións máis baixas para as mulleres. Pérez reclamou á Xunta a convocatoria dunha mesa de diálogo social centrada na política social, co obxectivo de dar resposta ás necesidades recollidas no Observatorio.

Ramiro Otero puxo o foco nos datos de Galicia, con máis de 782.000 persoas pensionistas cunha prestación un 15% inferior á media estatal. Lembrou que os acordos de pensións non deben limitarse á revalorización segundo o IPC, senón tamén mellorar as mínimas. En canto á dependencia, defendeu o dereito a envellecer con dignidade e preto do fogar, criticou a política de bonos da Xunta por “privatizar un servizo público” e advertiu da insuficiencia da cobertura cando 77.000 persoas teñen recoñecido o dereito fronte a unha poboación de arredor de 380.000 maiores de 80 anos.

Entre as demandas á Xunta, Otero reclamou reforzar o servizo público para reducir listaxes de espera, ampliar a cobertura e recuperar o Consello Galego das Persoas Maiores, suprimido en 2015. “Non pode ser que o 32% da poboación quede fóra dos espazos onde se deciden as políticas que lle afectan”, censurou.

Pola súa parte, Juan Sepúlveda salientou que a sanidade en España recibe un investimento equivalente ao 6,7% do PIB, cando debería achegarse ao 7,5. Apostou pola creación de emprego de calidade no sector da dependencia, que ocupa a máis de medio millón de persoas, maioritariamente mulleres. Ademais, lembrou que o Observatorio analiza problemáticas como a soidade non desexada ou a pobreza enerxética, moi ligadas ao nivel das pensións.

⚙ Configurar cookies
0.39016890525818