CCOO reforza o seu compromiso contra todas as violencias machistas no 25N

Comisións Obreiras reafirmou este 19 de novembro o seu compromiso na loita contra todas as violencias de xénero no marco da xornada “A mocidade feminista fronte á violencia de xénero”, un encontro no que o sindicato apelou á responsabilidade colectiva para combater todas as formas de violencia contra as mulleres.
CCOO denunciou o avance da ultradereita, que continúa negando a existencia das violencias machistas, o que cualifican como un retroceso grave nos dereitos das mulleres. Ante esta realidade, lembraron que o sindicato puxo en marcha hai tres anos o Observatorio de Acoso Sexual e por Razón de Sexo, un instrumento destinado a visibilizar e denunciar formas de violencia de xénero habitualmente ocultas no ámbito laboral.
“Xa nos toca”: romper o silencio e actuar
O sindicato incidiu en que o círculo próximo é clave para detectar e denunciar violencias, por iso o lema deste 25N é “Xa nos toca”, unha chamada directa a actuar e poñer freo ás violencias machistas dentro e fóra do traballo. CCOO puxo o foco en identificar comportamentos violentos e sinalou como prioritaria a visibilización, a denuncia e a acción sindical efectiva para garantir espazos laborais seguros.
A organización insistiu en que quere empresas libres de acoso sexual ou por razón de sexo, de discriminación e de LGTBIQA+fobia, e subliñou a importancia de que se implementen medidas específicas de protección ás vítimas, incluída a denuncia de todas as formas de violencia.
Unha xornada para analizar e mobilizar
O encontro foi presentado pola secretaria de Mulleres, Igualdade e Políticas LGTBIQA+ de CCOO Galicia, María García Barcia, e contou coas intervencións de Rebeca Pérez Pico, do Gabinete de Igualdade de CCOO Galicia, coa relatoría “Desigualdades históricas de mulleres e homes, fonte da violencia de xénero. Estratexias desde o feminismo”; Andrea Rodríguez Rodríguez, estudante universitaria, na mesa “A mocidade en primeira persoa”; e Pau García Orrit, secretario de Xuventude da Confederación de CCOO.
CCOO concluíu cun chamamento firme á mobilización: “Non ao acoso sexual! Non máis violencias machistas! Traballos libres de acoso sexual!”