CCOO traballa para a aplicación de coeficientes redutores ás traballadoras de Axuda a Domicilio

CCOO inicia as actuacións necesarias para solicitar a aplicación de coeficientes redutores da idade de xubilación ás traballadoras e traballadores do Servizo de Axuda a Domicilio en España.
Comisións Obreiras, xunto con UGT, comunicou formalmente á Asociación Estatal de Entidades de Servizos de Atención a Domicilio —ASADE— a súa intención de promover este procedemento ante a Secretaría de Estado da Seguridade Social e Pensións, conforme o establecido no Real decreto 402/2025. Ambos sindicatos consideran que no sector da Axuda a Domicilio concorren as condicións necesarias para estudar e recoñecer o acceso anticipado á xubilación mediante a aplicación de coeficientes redutores.
O traballo desenvolvido diariamente por estas profesionais esixe unha elevada carga física, posturas forzadas, mobilización de persoas dependentes, desprazamentos continuos, exposición a riscos psicosociais e unha importante responsabilidade emocional. Todo isto prodúcese, en moitas ocasións, en condicións laborais insuficientemente recoñecidas, malia o carácter esencial do servizo que prestan a milleiros de persoas maiores, dependentes e familias.
CCOO e UGT Servizos Públicos, como organizacións sindicais maioritarias e representativas do sector, continúan a traballar de xeito conxunto para mellorar a calidade de vida das traballadoras, protexer a súa saúde laboral e dignificar unha profesión imprescindible para o sostemento do sistema público de coidados.
Ambos os sindicatos propuxéronlle a ASADE a presentación conxunta da solicitude, mediante a participación das organizacións sindicais e empresariais representativas do sector. Esta vía permitiría facilitar a tramitación, reforzar o diálogo social e avanzar cara a un recoñecemento compartido das especiais condicións en que se desenvolve esta actividade.
En caso de que a organización empresarial decida non participar, CCOO presentará a solicitude para que o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións inicie o procedemento previo destinado a determinar a procedencia de anticipar a idade de xubilación no sector da Axuda a Domicilio.
Esta iniciativa representa un paso importante para facer xustiza cun colectivo amplamente feminizado, que durante décadas vén desempeñando un labor esencial sen recibir o recoñecemento social, profesional e económico que merece. UGT Servizos Públicos e CCOO reiteran o seu compromiso coa defensa dunhas condicións laborais dignas, coa mellora da prevención de riscos laborais e co recoñecemento efectivo do desgaste físico e emocional que sofren as traballadoras ao longo da súa vida profesional.
Coidar a quen coida é unha responsabilidade colectiva. Dignificar a Axuda a Domicilio significa tamén garantir uns servizos públicos de calidade e unha atención digna para toda a cidadanía.