CCOO ve avances no convenio do metal de Pontevedra pero esixe melloras reais nas condicións laborais

A sétima xuntanza da mesa negociadora do Convenio do Metal de Pontevedra, celebrada o pasado 24 de marzo, deixou os primeiros movementos por parte da patronal, que presentou unha proposta con certo alcance. Con todo, desde CCOO consideran que estes avances son aínda insuficientes e reclaman un cambio real nas condicións laborais do sector.
A organización sindical sinala que a patronal puxo enriba da mesa dous escenarios para a duración do convenio: un de catro anos, que permitiría unha oferta máis ampla, e outro de dous anos, pensado como unha transición sen cambios profundos. Pola súa banda, rexeitan a proposta sindical dun acordo de tres anos.
No apartado salarial, a patronal propón un incremento total do 12 % para un convenio de catro anos (3 % anual), mentres que para un período de dous anos a suba sería do 3 % o primeiro ano e do 2,5 % o segundo, acadando un 5,5 % total.
En canto á xornada anual, mantense a negativa a reducila, aínda que se deixa aberta a posibilidade de introducir algún avance no caso dun convenio de maior duración.
No relativo á clasificación profesional, a patronal acepta ampliar o ámbito do convenio para incluír actividades como loxística ou picking, así como eliminar categorías obsoletas e introducir cambios nos grupos profesionais.
Tamén se propoñen medidas de conciliación, como a creación dun crédito horario de ata 12 horas anuais para o persoal de quenda nocturna, así como certa flexibilidade nas licenzas por matrimonio ou cambio de domicilio.
En materia de contratación, a patronal rexeita eliminar o contrato fixo-descontinuo, aínda que se amosa disposta a abordar aspectos como os preavisos e os períodos de inactividade. Ademais, mantén a súa negativa a modificar a subcontratación, aínda que acepta estudar propostas relacionadas coa subrogación.
Respecto á saúde laboral, consideran viable regular o estrés térmico en determinadas actividades e valoran positivamente o coeficiente redutor, aínda que cunha implantación limitada. Pola contra, non aceptan cambios no complemento de tóxico-penoso.
Desde CCOO insisten en que este convenio non pode limitarse a pequenas melloras, senón que debe supoñer un punto de inflexión para o sector. O sindicato defende a necesidade de avanzar cara a unha redistribución da riqueza, especialmente nun contexto de beneficios empresariais, e de garantir condicións laborais dignas.
A próxima xuntanza da mesa negociadora está prevista para o martes 7 de abril, nun proceso no que CCOO asegura que seguirá defendendo os intereses das persoas traballadoras.