Celebran os dez anos da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC

Este venres presentou a programación para 2027, coincidindo coa celebración do Ano Santo
celebracion-catedra-camino-de-santiago-usc
16 Oct 2026

A Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións ten a súa orixe nun convenio asinado en agosto de 2026 entre a Universidade compostelá, a Axencia de turismo de Galicia e a Catedral de Santiago. “Unha década de traballo no que se consolidaron numerosas actividades que axudaron a un maior coñecemento da temática xacobea dende a rigorosidade da investigación científica”, explicou o director da Cátedra, o profesor Miguel Vázquez Taín, na presentación das actividade para o vindeiro ano na que estivo acompañado pola reitora da USC, Rosa M. Crujeiras; o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo; e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles.

Para Crujeiras, esta Cátedra constitúe “un excelente exemplo de como institucións con misións e competencias diferentes poden sumar esforzos arredor dun obxectivo común, relevante e estratéxico para Galicia”. “Trátase -dixo- dun proxecto compartido que sitúa no centro do seu labor o estudo, a investigación, a divulgación e a valorización dun dos nosos maiores patrimonios: o Camiño de Santiago e todo o universo cultural, histórico, social e espiritual que o rodea”. Lembrou ademais a recente concesión á Cátedra do Premio Internacional Pentafinium Jacobeo (Premio Pentafinium).

Taín avanzou o programa de accións para 2027, Ano Santo Xacobeo, que contempla novas convocatorias internacionais das axudas para o desenvolvemento de tres proxectos de investigación, dotadas cada unha delas de 4.000 euros; do Premio de Investigación sobre o Camiño de Santiago e das peregrinacións, dotado de 3.000 euros, e dos premios para TFG e TFM para traballos presentados este ano que acadasen a máxima cualificación e dotados con 1.000 euros.

Todos os investigadores galardoados e os proxectos de investigación financiados nesas tres convocatorias presentaranse nas Leccións Xacobeas Internacionais da USC, que o próximo ano cumpren 20 anos de vida, que se desenvolverán no Museo das Peregrinacións na semana de celebración das festas do Apóstolo.

A Cátedra proseguirá ademais coa organización de dous cursos en liña masivos e abertos (MOOCs) en colaboración con EUniwell e cuxa convocatoria xa está aberta á participación. Un deles será sobre topografía xacobea de Santiago de Compostela, dedicado a analizar o patrimonio compostelán vinculado cos servizos e os materiais espirituais dirixidos aos peregrinos ao longo da historia do Camiño, e o outro sobre a proxección internacional do Camiño e concretamente relacionada con asociacións e hospitalidade, dedicado a analizar os centros de aloxamento dos peregrinos ao logo da historia e contrastalos cos actuais. Na última edición destes cursos matriculáronse preto de 800 estudantes das 12 universidades de EUniWell.

Como novidade, tal e como avanzou o profesor Taín, o próximo 15 de xaneiro abrirase o prazo para presentar propostas ao I premio aos mellores vídeos do estudantado da USC sobre unha peza cultural ou histórico-artística emblemática da identidade do Camiño de Santiago, a cultura xacobea e as peregrinacións. Elixiranse 5 traballos, dotados de 500 euros cada un.

No mesmo acto, o director da Fundación Catedral de Santiago puxo en valor “a rigorosidade e a solidez” do labor e da investigación que leva a cabo a Cátedra “e que está dando froitos moi importantes no eido internacional”. No mesmo senso se pronunciou o director de Turismo de Galicia, que cualificou a Cátedra como unha “ferramenta indispensable” para estudar o Camiño de Santiago á vez que avanzou a renovación do convenio en 2027.

0.40754199028015