Centos de persoas reclaman á Xunta medidas urxentes para reducir as listas de agarda na sanidade pública

A Plataforma SOS Sanidade Pública mobilizou a centos de persoas en 13 localidades galegas para denunciar a saturación da atención sanitaria e reclamar máis recursos, transparencia e a fin das derivacións á sanidade privada.
Folga Limpeza
13 Jun 2025

Centos de persoas participaron este xoves nas 13 mobilizacións convocadas pola Plataforma SOS Sanidade Pública baixo o lema “Listas de agarda: máis transparencia, máis recursos públicos”. As protestas descentralizadas tiveron lugar en cidades como A Coruña, Santiago, Ourense ou Lugo, e buscan denunciar o deterioro do sistema sanitario público galego e reclamar á Xunta un cambio profundo nas súas políticas sanitarias.

A plataforma alerta dunha situación crítica especialmente na atención primaria, que cualifican de colapsada por mor das listas de espera inaceptables, a falta de profesionais e a escaseza de recursos. Lembran que antes de 2008 non existían practicamente listas de agarda, pero hoxe a media supera os 7 días, chegando nalgúns centros ata os 15 días ou máis dun mes.

En canto á atención hospitalaria, as cifras actuais indican 60 días de espera para unha primeira consulta e 76 días para intervencións cirúrxicas. Estes tempos, segundo SOS Sanidade Pública, provocan sufrimento, ansiedade e unha sobrecarga das urxencias e da atención primaria.

As demandas principais inclúen:

Transparencia real nas listas de agarda, para poder aplicar medidas eficaces.

Máis investimento público e elaboración dun plan sanitario baseado en datos reais.

Freo ás derivacións á sanidade privada, destinando eses fondos ao sistema público.

Creación de unidades especializadas, como coidados paliativos pediátricos.

Mellora da atención no rural, sen penalizacións ao persoal e con protección ante agresións.

A Plataforma considera que a situación é insostíbel e que, de non actuarse con urxencia, o sistema público podería entrar nun colapso difícil de reverter.

⚙ Configurar cookies
0.31664800643921