Cervo e Burela convértense en referentes da acuicultura galega con novos investimentos millonarios

A planta de salmón de Seafood Legacy e a ampliación das instalacións de Stolt Sea Farm reforzan o liderado da Mariña na acuicultura galega
parque-empresarial-cuina-cervo-1
7 Oct 2025

A Xunta de Galicia deu luz verde á concesión de dúas importantes axudas no ámbito da acuicultura, que supoñen un investimento conxunto de máis de 38 millóns de euros e consolidan á Mariña lucense como un dos principais polos deste sector en España.

Por unha banda, a empresa Seafood Legacy Spain SLU recibirá 25 millóns de euros da Consellería do Mar para a construción da primeira granxa mariña de salmón en Galicia, que se situará en Burela. O proxecto, que se desenvolverá ao abeiro da Orde do 17 de decembro de 2024, prevé ocupar unha superficie duns 25.000 metros cadrados e acadar unha produción anual de 3.000 toneladas de salmón.

Segundo adiantou a conselleira do Mar, o inicio das obras está previsto para finais deste ano, e o funcionamento da planta permitirá crear preto de cen postos de traballo directos e indirectos, converténdose nun referente tecnolóxico e ambiental na produción sustentable deste peixe en terra.

Pola súa parte, a compañía Stolt Sea Farm S.A. recibirá unha axuda de 13,29 millóns de euros para a execución de oito proxectos vinculados ao seu plan de expansión, entre eles a construción dun novo edificio de produción de linguado no polígono de Cuíña, en Cervo.

Esta actuación, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), permitirá ampliar a superficie produtiva en máis de 7.000 metros cadrados e incrementar a capacidade anual ata as 400 toneladas de linguado, reforzando a posición da empresa como un dos líderes europeos do sector.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, celebrou esta decisión asegurando que “é unha excelente noticia para o noso concello, pois xerará arredor de vinte empregos directos e un impacto económico moi positivo tanto na actividade industrial como no comercio e nos servizos locais”.

A rexedora destacou tamén o compromiso da Xunta co desenvolvemento sostible da economía mariñá: “A acuicultura é unha actividade estratéxica para o noso territorio, que combina innovación, sustentabilidade e creación de emprego. A colaboración entre o sector público e o privado é esencial para seguir medrando como territorio competitivo e comprometido co mar”.

A ampliación das instalacións de Stolt Sea Farm en Cervo intégrase nun plan global da Xunta para impulsar a modernización e a competitividade do sector acuícola galego, que mobiliza un investimento total de 59,5 millóns de euros en toda Galicia.

Con estas novas actuacións, A Mariña reafírmase como un dos motores da acuicultura galega, un sector que xera máis de 5.600 empregos e supera os 200 millóns de euros de facturación anual, combinando innovación, desenvolvemento industrial e respecto polo medio mariño.

⚙ Configurar cookies
0.2367148399353