Chega o Entroido máis rexoubeiro e compostelán dos últimos anos cunha programación chea de troula e tradición

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2025 – Santiago prepárase para vivir o Entroido máis rexoubeiro e compostelán dos últimos anos cunha programación chea de actividades que combinan festa, sátira e tradición. A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada da xenerala da Ulla, Lucía Domínguez, e do creador do Meco, José Manuel Méndez, presentou os detalles desta edición que arrinca oficialmente o sábado 1 de marzo co tradicional desfile do Meco, epicentro da troula compostelá.
O Meco deste ano, inspirado na influencia das redes sociais e facendo unha sátira de figuras como Donald Trump e Elon Musk, será trasladado polas rúas de Compostela para quedar instalado no balcón do Pazo de Bendaña ata o mércores 5 de marzo, día da súa incineración na praza Roxa.
“A chegada do Meco marca o inicio dunha época de diversión e irreverencia, onde a sátira e a troula son as protagonistas”, destacou Pilar Lueiro. O desfile partirá ás 20:00 h da praza de Cervantes, acompañado polos grupos tradicionais Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño, rematando no Pazo de Bendaña. Ao seu paso pola praza do Toural, as xeneralas da Ulla, Lucía Domínguez e Alba de Santos, serán as encargadas do pregón, que con retranca e humor repasará os momentos máis destacados do último ano.
Entroido para todas as idades
O domingo 2 de marzo estará dedicado aos máis pequenos co Festival Infantil de Disfraces na Sala Capitol desde as 16:30 h, cun baile, sorteos e un concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella e grupo. A entrada será libre con inscrición previa, e os premios estarán patrocinados por El Corte Inglés.
O martes 4 de marzo, día grande do Entroido, celebrarase o esperado desfile de comparsas, que sairá da avenida de Ferrol ás 17:30 h e culminará cunha festa e entrega de premios na Sala Capitol. Ademais, todas as persoas participantes recibirán unha gratificación simbólica, mesmo se non resultan premiadas.
O peche das festas chegará o mércores 5 de marzo coa tradicional queima do Meco na praza Roxa ás 21:00 h. A comitiva fúnebre partirá da praza do Toural, encabezada polas comparsas e a charanga BB+, e todas as persoas asistentes están convidadas a acudir vestidas de loito.
O Entroido esténdese polas parroquias
O Entroido compostelán tamén manterá viva a tradición nas parroquias rurais coa celebración dos Xenerais da Ulla e os entroidos propios de Marrozos, Angrois, Aríns e o Eixo. O ciclo de festas prolongarase ata o 15 de marzo co desfile das Xeneraliñas da Semente e o Entroido do barrio de Conxo.
Cartel e creatividade
O cartel deste ano, obra da ilustradora Blanca Rodríguez Millán, presenta unha composición chea de cor e simbolismo, cunha homenaxe ás figuras máis representativas da cidade, como as Marías, a Berenguela e os Xenerais da Ulla, mesturadas co espírito irreverente do Entroido.
“Este Entroido será unha festa para todas e todos, cun programa diverso que honra as nosas tradicións e aposta pola participación cidadá”, concluíu Pilar Lueiro.