Chousa impónse na primeira xornada da liga de billarda do NorLeste en Castroverde

O campo Veiga do Olmo de Castroverde acolleu o pasado domingo 13 de setembro a primeira xornada da Liga Nacional de Billarda NorLeste da tempada 2026-2027, coa celebración do IX Aberto das Noces. Baixo un intenso sol e cun elevado nivel competitivo, a cita reuniu 71 palanadores, entre eles 46 homes, 17 mulleres e oito participantes infantís.
A competición absoluta estivo marcada pola igualdade, ata o punto de que foi necesario recorrer ao desempate para decidir o podio. Tres xogadores remataron con 25 puntos. Finalmente, Chousa, do novo equipo Liber Pol, fíxose coa primeira posición, seguido por Antom, de Madia Leva, e Sachas Sachas, de Troitas Bravas, que rematou terceiro e foi ademais o encargado de conseguir o primeiro varado da tempada.
Na clasificación por equipos, Billardeiros Musicais levou a vitoria cun total de 86 puntos, por diante de Madia Leva e Troitas Bravas.
Na categoría feminina, Cris, de Castiñeiro Milenario, conseguiu a vitoria por diante da súa compañeira Nedi e de Fina, de Billardeiros Musicais.
A competición infantil tamén estivo protagonizada pola igualdade e o bo nivel. Os irmáns troitiñas Mateo e Martín ocuparon a primeira e terceira posición, respectivamente, mentres que Mateo Ledesma, de Madia Leva, finalizou segundo.
Tras a competición tivo lugar a entrega de premios e unha comida de irmandade no campo da feira. A organización quixo destacar o bo ambiente que preside os encontros da liga e trasladou os seus parabéns a Billarda Verde pola organización da xornada e polos agasallos entregados aos participantes.
Con esta primeira cita queda inaugurada a tempada 2026-2027 da LNB NorLeste, que continuará coa súa próxima xornada en Castropol. A competición arrinca así con boas expectativas e cunha elevada participación, nunha tempada que se presenta especialmente esixente e disputada.