CIG alerta de novo recorte nas pensións ao non recoñecerse a xubilación anticipada nin os coeficientes en traballos penosos

A CIG denunciou hoxe que o Real Decreto 402/2025, que regula o procedemento previo para establecer coeficientes redutores na xubilación anticipada, supón “un novo recorte de dereitos” para as persoas que desempeñan traballos con condicións de especial penosidade, perigosidade, toxicidade ou insalubridade.
Con este decreto, o Goberno consolida a xubilación ordinaria aos 67 anos, amplía de 25 a 29 anos o período de cálculo das cotizacións e elimina o dereito á xubilación parcial aos 61 anos. Para a CIG, estas decisións obrigarán a prolongar a vida laboral de milleiros de traballadores e traballadoras, sen recoñecerlles ningún coeficiente que lles permita xubilarse antes.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, criticou que nin o texto nin o procedemento garanten o acceso á xubilación anticipada para o persoal exposto a condicións duras, “sen recoñecer coeficientes redutores nin mecanismos fiables para adiantala”. Ademais, subliñou o carácter incoherente de que UGT e CCOO avalasen este acordo no diálogo social e, ao mesmo tempo, convoquen mobilizacións esixindo precisamente eses coeficientes perdidos.
Carril denunciou tamén a vulneración dos dereitos de participación institucional da CIG, pois o Goberno limita a composición da comisión de avaliación aos sindicatos estatais —excluíndo a CIG, primeira forza sindical en Galicia— e impide a intervención da central galega no grupo de traballo sobre dimensión de xénero e penosidade.
A CIG esixe que se recoñeza sen máis demora o dereito á xubilación anticipada e se respecten os coeficientes redutores acordados no Acordo de Mesa de Diálogo Social de setembro de 2024, “cando son dereitos imprescindibles para protexer a saúde e a dignidade das persoas traballadoras máis castigadas”.