CIG-Ensino convoca mobilizacións contra as instrucións de control ideolóxico do Goberno galego nos centros educativos

A CIG-Ensino chama a mobilizarse o 25 de xuño para esixir a retirada das novas instrucións da Xunta, que supoñen un ataque á liberdade de cátedra e á autonomía pedagóxica dos centros educativos.
Porfesorado en loita
17 Jun 2025

A CIG-Ensino convocou unha mobilización para o 25 de xuño, ás 12:00 horas, diante da Consellaría de Educación para rexeitar as novas instrucións publicadas no DOG para o curso 2025-2026, que consideran un intento de control ideolóxico dos centros educativos por parte do goberno de Alfonso Rueda.

As instrucións obrigan aos centros a informar á inspección educativa de calquera actividade non incluída na Programación Xeral Anual (PXA), algo que non figura nin nos ROC nin na normativa que os desenvolve. A CIG-Ensino denuncia que este cambio non foi negociado na Mesa Sectorial, afectando directamente á autonomía pedagóxica e ás condicións laborais do profesorado.

Segundo o sindicato, a Consellaría xustifica esta decisión apelando a unha suposta “neutralidade ideolóxica”, baseada na LODE de 1985, sen facer referencia á actual LOMLOE, que defende unha educación en valores democráticos, igualdade e respecto aos dereitos humanos.

A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, advirte que “esta medida converte á inspección nunha ferramenta de control político” e vulnera a liberdade de cátedra. Ademais, o sindicato denuncia que as instrucións introducen novas obrigas sen medios nin recursos, como a participación en reunións telemáticas cos propios dispositivos ou cambios na atención á diversidade sen consultar os departamentos de orientación.

A CIG-Ensino esixe a retirada inmediata das instrucións, por considerar que limitan a profesionalidade docente, restrinxen os recursos para o alumnado con necesidades específicas e non aportan solucións reais aos problemas do sistema educativo.

⚙ Configurar cookies
0.2393319606781