CIG-Ensino denuncia unha grave filtración de datos confidenciais de alumnado con necesidades educativas

A CIG-Ensino vén de denunciar unha grave vulneración da protección de datos persoais do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE), despois de que ducias de centros educativos recibiron nas últimas xornadas correos electrónicos cos datos confidenciais de menores beneficiarios de bolsas do Ministerio de Educación.
Segundo informa o sindicato, como mínimo dous correos enviados desde a Dirección Territorial da Coruña contiñan en anexo un PDF e un ficheiro Excel con datos extremadamente sensibles. Entre a información que se fixo pública figuran datos identificativos (DNI), nomes, apelidos, curso, teléfono, correo electrónico, así como información sobre grao de discapacidade, situación familiar, terapias recibidas ou diagnóstico clínico.
A CIG-Ensino considera o sucedido “de extrema gravidade” e alerta de que persoal alleo ao centro no que está escolarizado o alumnado puido acceder a esa información, o que supón unha clara vulneración da lexislación vixente sobre protección de datos.
O sindicato lembra que os centros educativos non deberían ter acceso ao resultado da concesión destas axudas, pois a tramitación final corresponde exclusivamente ás familias e á administración. A información manexada, subliñan, non debe circular entre centros educativos, xa que non forma parte das funcións que lles corresponden unha vez completado o proceso inicial.
CIG-Ensino solicita á Consellería de Educación que articule un protocolo claro e garantista na xestión destes datos, para evitar que se volvan producir erros coma este, e critica que desde a propia administración se esixan máximas garantías aos centros mentres se cometen fallos tan graves desde instancias superiores.