CIG-Ensino e STEG chaman a secundar as folgas tras seren desaloxadas da Consellaría

CIG-Ensino e STEG denuncian a negativa da Consellaría de Educación a reunirse coas organizacións convocantes e chaman a secundar as folgas e mobilizacións da vindeira semana, con marchas “fúnebres” o día 16 e unha protesta en Santiago o 17
Marchas
12 Dec 2025

Un grupo de 15 delegadas e delegados de CIG-Ensino e STEG iniciou este xoves un peche diante do despacho do conselleiro de Educación para reclamar que se atendan as demandas do profesorado e se fixe unha data de reunión. Segundo relatan as organizacións, pasadas as dúas da tarde foron desaloxadas por efectivos policiais “por orde interna da Xunta”, sen que houbese resposta posterior por parte do departamento.

Tras este feito, as centrais fan unha chamada a secundar masivamente as folgas e mobilizacións da vindeira semana, ao considerar que a Consellaría mantén unha actitude “antidemocrática” ao deixar fóra ás organizacións que están a convocar as protestas.

No seu comunicado, critican tamén que o profesorado careza dun marco de negociación colectiva equivalente ao doutros ámbitos laborais e denuncian que Educación poida aprobar medidas —recortes ou melloras— sen contar co apoio da representación sindical. Ademais, sinalan que se asinan acordos con organizacións minoritarias “para darlle aparencia democrática” a decisións xa tomadas.

Horario lectivo e ratios

As organizacións sitúan o conflito arredor de dúas cuestións principais: a baixada do horario lectivo nas ensinanzas distintas de infantil e primaria —que, segundo indican, quedou fóra do acordo de 2023 ao supeditarse á xornada de 35 horas— e a redución de ratios en secundaria, cuxa negociación estaba prevista para o vindeiro curso, aínda que agora se apuntaría a xaneiro.

A secretaria nacional da CIG-Ensino, Laura Arroxo, asegura que o gabinete do conselleiro volveu dar escusas para non reunirse malia que, afirma, as demandas “son perfectamente coñecidas” tras varias xornadas de folga e mobilizacións nas que tamén participan ANPA. Arroxo subliña que as organizacións convocantes suman maioría en votos e delegación fronte ás asinantes do acordo vixente.

As centrais advirten de que as folgas poden coincidir con sesións de avaliación nalgúns centros e defenden que cada centro adopte decisións de forma autónoma.

Coincidindo coas xornadas de folga, o martes 16 están previstas marchas fúnebres en diversas localidades, con paradas en centros educativos para ir deixando crespóns negros e esquelas como símbolo do “enterro” do ensino público. Entre as convocatorias anunciadas figuran A Coruña, Ferrol, Santiago (dúas marchas), Lugo, Monforte, Ourense, Pontevedra e Vigo (dúas marchas e manifestación ás 12.00), ademais de accións no Morrazo con desprazamento a Vigo.

O mércores 17, segundo día de folga, CIG-Ensino chama a acudir masivamente a Compostela a unha mobilización que emulará o enterro simbólico do ensino público. A protesta sairá ás 11.30 horas do Parlamento de Galiza e rematará diante da Consellaría de Educación coa lectura dun manifesto. Pídese ás asistentes vestir de negro e portar simboloxía mortuoria.

As centrais aseguran que manterán as mobilizacións até conseguir “avances reais” nas condicións profesionais do profesorado e no reforzo do ensino público.

⚙ Configurar cookies
0.31164693832397