CIG-Saúde denuncia que Sanidade intenta paliar a falta de profesionais sobrecargando ao persoal residente

A central sindical reclama un Plan de Ordenación de Recursos Humanos para a Atención Primaria que resolva as causas estruturais da carencia de profesionais.
CIG
28 Mar 2025

A CIG-Saúde denunciou este venres que a Consellería de Sanidade volve tratar de solucionar a grave falta de profesionais médicos na Atención Primaria mediante a sobrecarga laboral e a redución do período formativo do persoal residente de Medicina Familiar e Pediatría.

O sindicato sinala que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) comunicou, vía correo electrónico e sen negociación previa na Mesa Sectorial, a renovación da "encomenda de funcións ao persoal residente no seu cuarto ano de formación" para cubrir a falta de efectivos prevista durante o verán e as vacacións.

Segundo denuncia CIG-Saúde, a consellería xustifica esta medida alegando o remate do período formativo en xullo e o elevado número de xubilacións previstas neste 2025. Manuel G. Moreira, secretario nacional de CIG-Saúde, sinalou que "un ano máis, a Xunta opta por medidas parciais e improvisadas en vez de negociar solucións reais e estruturais coa representación sindical".

O sindicato considera "imprescindible" negociar un Plan de Ordenación de Recursos Humanos para a Atención Primaria que resolva as causas estruturais, como os cadros de persoal insuficientes, as condicións laborais precarias e o escaso interese dos novos médicos por traballar neste ámbito.

⚙ Configurar cookies
0.17413783073425