CIG-Saúde rexeita o plan da Xunta sobre as baixas laborais e denuncia unha “deriva privatizadora”

O sindicato critica o reforzo das mutuas e alerta de que se estigmatiza ás persoas enfermas mentres non se abordan as causas reais das baixas.
Mutua
13 Apr 2026

A CIG-Saúde manifestou o seu rexeitamento ao plan anunciado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para intensificar o control das baixas laborais mediante o reforzo do papel das mutuas.

Desde o sindicato lembran que as baixas laborais son prescricións médicas baseadas en criterios clínicos e profesionais, polo que consideran “inaceptábel” que se poñan en cuestión como se fosen unha fraude por defecto. Neste sentido, advirten de que esta medida supón cuestionar o criterio do persoal sanitario e estigmatizar ás persoas enfermas.

A organización sindical tamén denuncia que o aumento da duración das baixas responde á situación do sistema sanitario, con listas de espera elevadas para probas diagnósticas, consultas e intervencións. “As persoas non permanecen de baixa por vontade propia, senón porque non teñen acceso á atención sanitaria en tempos razoábeis”, sinalan.

Ademais, critican que a Xunta non estea a actuar sobre as causas estruturais destas situacións, como as patoloxías músculo-esqueléticas ou os problemas de saúde mental, moitas veces vinculados á precariedade laboral e á falta de medidas de prevención.

A CIG-Saúde alerta tamén de que o plan supón un novo paso na privatización do sistema sanitario, ao reforzar o papel das mutuas con máis funcións e financiamento público, mentres se debilita a inspección médica do sistema público.

Neste contexto, o sindicato considera que esta estratexia responde a unha “folla de ruta clara” orientada a cuestionar dereitos e favorecer intereses privados. Fronte a isto, reclama políticas que reforcen o sistema sanitario público, garantan unha atención áxil e de calidade e actúen sobre as condicións laborais que están na orixe de moitas baixas.

0.26132607460022