Cinco estudantes do IES Río Cabe levan a Monforte o título nacional de Educación Financeira

O IES Río Cabe de Monforte de Lemos proclamouse campión de España de Educación Financeira despois de que o seu equipo de Bacharelato se impuxese na categoría xuvenil do Concurso Escolar de Educación Financeira ‘Finanzas Para Todos 2025-2026’. A final celebrouse este luns no Palacio da Bolsa de Madrid, no marco do acto central do Día da Educación Financeira.
O equipo estivo integrado por Javier de la Iglesia Fernández, Estefanía Fernández Muñoz, Anxo González Rodríguez, Cristian López Rodríguez e Miguel Rois García. Os cinco estudantes superaron as diferentes fases da competición ata chegar á final nacional, á que accederon tras gañar a semifinal disputada na sucursal do Banco de España en Alacante.
Na última proba, o IES Río Cabe enfrontouse ao Colexio Santa Teresa de Xesús de Ourense na categoría xuvenil. O triunfo permitiu ao centro monfortino facerse co título nacional nesta modalidade.
A final tivo ademais un marcado carácter galego, xa que os catro centros clasificados para a fase definitiva procedían de Galicia. Na categoría cadete competiron o CPI Alcalde Xosé Pichel, de San Roque (A Coruña), e o Colexio Obradoiro, da Coruña. Este último acabou conseguindo o título nesta categoría, polo que Galicia se fixo cos dous campionatos nacionais en xogo.
A competición desenvolveuse no Palacio da Bolsa de Madrid durante a celebración da duodécima edición do Día da Educación Financeira, que este ano se desenvolveu baixo o lema ‘Ahorra. Invierte. Avanza.’. O acto reuniu representantes de diferentes institucións vinculadas á educación financeira en España, entre eles o presidente da Comisión Nacional do Mercado de Valores, Carlos San Basilio; o gobernador do Banco de España, José Luis Escrivá, e a secretaria xeral do Tesouro e Financiamento Internacional, Paula Conthe.
Tamén participou na xornada a atleta e medallista olímpica Ana Peleteiro, que compartiu a súa experiencia relacionada coa xestión das finanzas no ámbito deportivo e empresarial. O encontro pechouse co toque simbólico da campá da Bolsa en favor da educación financeira.
O concurso forma parte do Plan de Educación Financeira, promovido polo Banco de España, a Comisión Nacional do Mercado de Valores e o Ministerio de Economía, Comercio e Empresa. A iniciativa busca achegar ao alumnado coñecementos relacionados coa economía e as finanzas para favorecer unha toma de decisións máis informada e responsable.
As probas abordan cuestións como o aforro, a planificación, o consumo responsable e a toma de decisións financeiras, ademais doutros conceptos económicos. Nesta edición establecéronse dúas categorías: a cadete, para estudantes de 1º, 2º e 3º de ESO, e a xuvenil, destinada a alumnado de 4º de ESO, Bacharelato e Formación Profesional de Grao Medio.
O certame contou con tres fases: unha primeira proba en liña, as semifinais presenciais e a gran final, na que os dous equipos clasificados de cada categoría se enfrontaron entre si.
O premio para o IES Río Cabe inclúe 3.000 euros en material escolar para o centro e 600 euros para cada un dos cinco integrantes do equipo. Ademais, os estudantes poderán realizar unha visita guiada ao Banco de España e ao Palacio da Bolsa de Madrid e o centro acollerá unha xornada divulgativa.
O resultado supón o remate dunha competición na que o alumnado do IES Río Cabe levou o nome de Monforte de Lemos ata a final nacional e acabou conseguindo o título de campión de España na categoría xuvenil.