Cinco medallas galegas no Open de Serbia de taekwondo

O taekwondo galego brillou no Open de Serbia cun balance de dúas medallas de ouro, dúas de prata e unha de bronce, nun torneo puntuábel para o ranking nacional. Destacaron Carla Sesar e Adrián Salanova co ouro, e Iván García, Tania Castiñeira e Javi Otero co resto do medalleiro.
Taekonwdo
8 Apr 2025

Esta fin de semana celebrouse en Belgrado o Open de Serbia, puntuábel para o ranking nacional absoluto de España e torneo WT G-1, e o taekwondo galego volveu brillar cun total de cinco medallas: dous ouros, dúas pratas e un bronce.

Adrián Salanova (-68, Maniotas) proclamouse campión tras cinco combates impecables, superando a rivais de Polonia, Serbia, Turquía e ao español Joan Jorquera. Na final, venceu ao serbio Zarzo Krajisnike nun duelo intenso e moi axustado.

Carla Sesar (-57, Natural Sport), aínda en categoría júnior, estreouse en sénior cunha actuación sorprendente. Eliminou á medallista olímpica turca Hatice Iljun e a outras tres rivais internacionais ata vencer na final á italiana Giada Ao Halwani. Ouro histórico para a galega.

Iván García (+87, Mat’s) logrou a prata tras unha gran competición, caendo só na final ante o turco Bicer. Tamén fixo un bo torneo Tania Castiñeira (+73, Hebe), que venceu en dúas roldas claras a rivais de Polonia e Turquía antes de perder na final contra a croata Magdalena Matic.

Javi Otero (-54, Natural Sport) foi bronce tras vencer a rivais de Eslovenia e Turquía e caer na semifinal ante Camoglu, que se proclamou campión. Lois Tomás e Desireé Rivadulla quedaron ás portas da medalla nos cuartos de final.

⚙ Configurar cookies
0.10495400428772