COGAMI e Fundación ONCE financian 38 proxectos para mellorar a vida de 2.740 persoas con discapacidade

Unha subvención de 473.500 euros da Fundación ONCE, xestionada por COCEMFE, permite desenvolver proxectos de autonomía persoal, vida independente e mellora de servizos en toda Galicia.
Cogami
24 Jul 2025

COGAMI e Fundación ONCE impulsan 38 proxectos para mellorar a calidade de vida de 2.740 persoas con discapacidade a través do Plan de Prioridades, unha convocatoria xestionada por COCEMFE e financiada con 473.500 euros. Estes fondos permitirán desenvolver iniciativas centradas na autonomía persoal, vida independente e mellora dos servizos sociais, especialmente no rural.

Ao longo deste ano, 25 entidades do movemento asociativo de COGAMI están a levar a cabo estas accións. Das 38 iniciativas, 37 están enfocadas na atención á autonomía persoal e unha na mellora do transporte adaptado. Estes proxectos benefician directamente a usuarias e usuarios de COGAMI e das súas entidades membro.

Por provincias, destacan os seguintes programas:

Lugo: A Mariña-COGAMI promove a autonomía persoal; Alcer Lugo desenvolve atención psicolóxica; e ALUCEM ofrece atención integral para persoas con esclerose múltiple.

A Coruña: UGADE impulsa servizos de apoio psicolóxico, fisioterapia e atención ao párkinson; ACEM Santiago atende enfermidades neurodexenerativas; CONARTRITIS promove a autonomía persoal; e ACEM Coruña mellora o transporte adaptado.

Ourense: AODEMPER ofrece fisioterapia para persoas con párkinson e enfermidades raras; e Alcer Ourense asesora a persoas con enfermidade renal crónica.

Pontevedra: Alcer Pontevedra, AMIZADE, AVEMPO, ACCU Vigo, VONTADE e ADAPTA desenvolven programas psicosociais, sociais e terapéuticos, ademais da compra dun vehículo adaptado.

Tamén se executan proxectos desde entidades autonómicas como AGFQ, AGL, AGADHEMO ou ASOTRAME, que atenden persoas con fibrose quística, linfedema, coagulopatías ou enfermidades oncolóxicas.

A subvención permite, ademais, melloras nos centros de atención diúrna de COGAMI, como a adquisición de mobiliario, caldeiras, baterías solares, xardíns sensoriais ou material informático, ademais da adecuación de oficinas e salas de atención.

⚙ Configurar cookies
0.19312310218811