Colectivos ambientais e sociais suman apoios á concentración deste domingo para defender o río Umia

A mobilización terá lugar este domingo 13 de setembro, ás 12.00 horas, na praia fluvial de Cabanelas, en Ribadumia
praia-fluvial-umia
12 Sep 2026

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), a Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) sumaron os seus apoios aos do Clube de Pesca Deportiva Pesca Cíes, Limpiarousa, ADEGA, o Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES), o BNG comarcal e a Asociación de Veciños San Vicente de Oubiña para convocar á cidadanía a unha concentración este domingo 13 de setembro, ás 12.00 horas, na praia fluvial de Cabanelas, en Ribadumia.

Os colectivos reclaman unha revisión da recente actuación realizada na represa do río Umia e defenden a continuidade e o funcionamento natural do río. Así mesmo, aseguran que seguen á espera de que Augas de Galicia achegue os informes que respaldaron a autorización da obra e explique como e por que se permitiu a actuación.

As entidades consideran que a esixencia aos responsables da obra de establecer un sistema de paso para a fauna pode recuperar parte da conectividade do río, pero non elimina os efectos do remanso sobre a dinámica fluvial. Entre eles citan un maior quecemento da auga, a alteración do hábitat das especies acuáticas, a posible expansión de especies alóctonas e a modificación do transporte natural de sedimentos cara á ría de Arousa.

Os colectivos tamén advirten de que as secas en Galicia serán cada vez máis frecuentes e persistentes como consecuencia do cambio climático, polo que os ríos e regatos terán menores caudais durante o verán. Neste contexto, reclaman que a administración competente realice cálculos novos, fiables e transparentes para xustificar as autorizacións de presas que, segundo sinalan, poden empeorar aínda máis a situación dos cursos fluviais.

As organizacións esixen a Augas de Galicia que facilite esta información e vele pola saúde das augas e da vida fluvial, antepoñendo o ben común aos intereses privados. Neste sentido, sinalan á Inmobiliaria da Toxa e consideran que debe buscar unha alternativa máis sostible e compatible cos diferentes usos e funcións do río.

A reivindicación dos colectivos pasa por analizar o impacto global da obra e adoptar todas as medidas necesarias para garantir que o Umia poida continuar funcionando como un río vivo. Por iso, fan un chamamento á cidadanía para participar na concentración deste domingo e manteñen aberta a convocatoria a novas adhesións de colectivos e entidades.

A concentración terá lugar o domingo 13 de setembro, ás 12.00 horas, na praia fluvial de Cabanelas, en Ribadumia, baixo o lema de reclamar a retirada da represa do río Umia.

0.46754789352417