Comeza a desenvolverse o proxecto MARXE, que estuda como viviron as comunidades prehistóricas na costa galega

A USC participa nun proxecto xunto co CSIC e a Universidade de Estremadura que se desenvolverá na ría de Arousa
proxecto-marxe-vilagarcia-de-arousa
19 Jul 2026

Estudar como viviron as comunidades prehistóricas na costa galega e como os cambios ambientais transformaron a paisaxe durante os últimos 8.000 anos é o obxectivo do proxecto de investigación ‘Arqueoloxía e xeomorfoloxía do litoral na prehistoria recente da ría de Arousa (MARXE)’, coordinado polo Instituto de Arqueoloxía de Mérida (IAM), centro mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Xunta de Estremadura, no que participan a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Estremadura (UEx) como centros corresponsables.

Integrado por un equipo interdisciplinar que leva traballando na zona desde hai máis de 15 anos, o proxecto está formado por dous subproxectos dedicados ao estudo arqueolóxico e xeomorfolóxico do litoral galego («Arqueoloxía nas marxes: a ocupación de áreas insulares e litorais na prehistoria recente da ría de Arousa» e «Xeomorfoloxía nas marxes: formas e depósitos holocenos na ría de Arousa»), e está financiado polo Plan Estatal (Programa Estatal de Proxectos de Xeración de Coñecemento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades - 2024).

“Pretendemos comprender como as sociedades do Neolítico e da Idade do Bronce ocuparon as zonas costeiras e insulares da ría de Arousa, e como estas comunidades modificaron o medio e se adaptaron aos cambios ambientais e xeográficos ocorridos ao longo do Holoceno, os últimos 11.700 anos da historia da Terra”, explica Elías López-Romero (IAM-CSIC), coordinador e corresponsable do subproxecto 1.

Co obxectivo de caracterizar as modalidades e a natureza das ocupacións humanas das illas e marxes da ría de Arousa entre o Neolítico e a Idade do Bronce (VI-II milenio cal. a.C.) en relación coa dinámica dos cambios paleoambientais e paleoxeográficos, o proxecto comprende as seguintes actividades fundamentais, que se están a iniciar agora e se desenvolverán ata 2029: elaboración dun corpus actualizado dos xacementos arqueolóxicos e arquivos edafo-sedimentarios da área de estudo mediante traballo de campo e o uso de métodos xeofísicos de prospección; caracterización cronolóxica e material mediante métodos de datación e análises físico-químicas; estudo da vulnerabilidade fronte á presión humana e aos efectos do cambio climático (por exemplo, ameazas, rexistro dixital, emprego da xeomática e da modelización dixital); e transferencia á sociedade a través da didáctica das ciencias sociais (traballo co profesorado e o alumnado de educación primaria e secundaria).

“Aínda que Galicia posúe o litoral máis extenso de España, as investigacións sobre a prehistoria das súas illas, illotes e espazos intermareais seguen sendo escasas. Porén, estas contornas conservan algúns dos rexistros arqueolóxicos e paleoambientais máis valiosos do noroeste da Península Ibérica”, explica María Eugenia Polo (UEx), corresponsable do subproxecto 1.

O proxecto centrará as súas investigacións en cinco áreas prioritarias da ría de Arousa: a illa de Sálvora, o complexo intermareal Umia-O Grove, a Illa de Arousa e os illotes Guidoiro Areoso e Pedregoso, a illa de Cortegada e o concello de Boiro. “Estas zonas albergan evidencias de ocupación, monumentos megalíticos, cistas funerarias, cuncheiros prehistóricos, paleosolos e depósitos edafo-sedimentarios que permiten reconstruír a evolución da paisaxe litoral en relación coa ocupación humana”, apunta a investigadora da USC Manuela Costa Casais, responsable do subproxecto 2.

Un dos aspectos máis innovadores de MARXE é a integración da arqueoloxía coas ciencias da Terra para estudar simultaneamente os vestixios humanos e os procesos xeomorfolóxicos que modelaron o litoral galego. Así, o equipo de investigación empregará tecnoloxías avanzadas como escáneres láser 3D, fotogrametría dixital, imaxes obtidas con drons, sensores LiDAR, prospección xeofísica e sistemas de monitorización da erosión costeira. Ademais, realizaranse datacións mediante radiocarbono (C14) e luminiscencia ópticamente estimulada (OSL), técnicas que permitirán establecer cronoloxías máis precisas sobre a ocupación humana e a formación dos depósitos edafo-sedimentarios.

A investigación adquire unha especial relevancia no contexto actual de cambio climático, xa que moitos dos xacementos arqueolóxicos litorais se atopan ameazados pola erosión, a subida do nivel do mar e o incremento dos fenómenos climáticos extremos. Neste sentido, o equipo foi pioneiro no estudo destes aspectos en Galicia e na ría de Arousa desde a década de 2010. Entre os traballos previstos destaca o estudo de posibles monumentos megalíticos recentemente identificados na illa de Sálvora e no illote de Tourís Novo, así como a investigación dos excepcionais contextos arqueolóxicos do Neolítico e da Idade do Bronce de Guidoiro Areoso.

Ademais dos traballos de investigación, MARXE incorpora unha importante dimensión educativa e social. O proxecto implementa unha aproximación a través da Didáctica das Ciencias Sociais, desenvolvendo actividades formativas e unha investigación educativa centradas na formación de docentes e alumnado de educación primaria e secundaria, utilizando o patrimonio arqueolóxico e os efectos do cambio climático como ferramentas para fomentar a educación científica, ambiental, social e patrimonial.

«Aspiramos non só a xerar novo coñecemento sobre o pasado de Galicia, senón tamén a contribuír á protección do patrimonio cultural e natural fronte aos desafíos do futuro», sinalan desde o equipo de investigación.

0.39699006080627