Comeza a Liga galega de fútbol Gaélico que alcanza a súa 15.ª edición con equipos femininos e masculinos

A tempada 2026-27 de Liga Galega de fútbol gaélico comeza a vindeira fin de semana tanto na competición feminina como na masculina, coa organización da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG). A competición, que este ano alcanza a súa 15.ª edición, pode seguirse a través das redes da AGFG e na web gaelicogalego.gal. Os primeiros partidos xogaranse o sábado 17 de outubro.
Regresan á competición doméstica os equipos do fútbol gaélico galego. Con récord de licencias, máis equipos e máis futbolistas, a Liga Galega de Fútbol Gaélico ten todo listo para arrincar novo curso. Todo este aumento de cifras dá conta do crecemento que esta disciplina está a ter no noso territorio.
A Liga Galega de fútbol gaélico masculina chega aos once clubs participantes, dous máis que na tempada pasada. Defende o título o Keltoi de Vigo que sumou o pasado curso o seu segundo campionato de Liga consecutivo.
As novidades desta campaña 2026-27 son o Grovias (Baixo Miño) e o Ártabros (conxunto filial do Fillos de Breogán da Coruña).
O sistema de competición contará cunha primeira volta de todos contra todos. A partir dese punto os catro primeiros conxuntos clasificados disputarán a 1.ª División cunha nova liga todos contra todos con ida e volta. O equipo con máis puntos será o campión.
Tanto na 1.ª División como na 2.ª División Shield os equipos participantes non arrastran puntos obtidos na primeira fase da competición de Liga.
O resto de conxuntos mediranse na 2.ª División Shield. Esta categoría dividirase en grupo norte e grupo sur, incorporándose nesta fase da competición un equipo Sub-18. Xogarán unha liga a ida e volta todos contra todos (en cada subgrupo). Os dous equipos mellores do grupo norte e os dous mellores do grupo sur xogarán a Final Four Shield. Os dous peores de cada grupo, disputarán a Final Four Plate.
A Liga Galega de fútbol gaélico masculina conta nesta campaña 2026-27 coa participación dos seguintes once equipos:
- 1. Estrela Vermelha - Compostela
- 2. Estrela Gaels (filial Estrela Vermelha) - Compostela
- 3. Fillos de Breogán - A Coruña
- 4. Ártabros (filial Fillos de Breogán) – A Coruña
- 5. Keltoi - Vigo
- 6. Keltoi Estibadores (filial Keltoi) - Vigo
- 7. Grovias – Baixo Miño
- 8. Lume de Beltane - Poio
- 9. Lorchos FG - Boiro
- 10. Auriense - Ourense
- 11. Turonia – Gondomar
Na liga feminina a competición mantense nos oito equipos mudando a representación. Non estará o Ártabras (filial do Fillas de Breogán) e pola contra súmanse á festa do gaélico galego o conxunto as Lagharteiras (filial do Lavandeiras de San Simón de Vigo). Defenden o título de campioas de Liga o Grovias.
O sistema de competición é de liga de ida e volta estándar. Na segunda volta incorporarase un equipo feminino Sub-18 como acontece na competición masculina.
A competición feminina conta cos seguintes conxuntos participantes na Liga neste curso 2026-27:
- 1. Lavandeiras de San Simón - Vigo
- 2. Lagharteiras – Vigo
- 3. Lorchas - Boiro
- 4. Auriense - Ourense
- 5. Grovias - A Guarda
- 6. Fillas de Breogán - A Coruña
- 7. Turonia - Gondomar
- 8. Estrela Vermelha - Compostela
Calendarios de competición
Os calendarios definitivos da liga galega feminina e masculina xa están publicados na web da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG).
A incorporación á competición de equipos Sub-18, tanto na masculina como na feminina, é unha mostra da evolución que está a ter e dos froitos que está a dar o proxecto das Gaélico Escolas PuntoGal.
Nos últimos anos a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) vén traballando arreo na visibilización do fútbol gaélico nos centros escolares entre a xente máis nova. Nesa progresión os nenos e nenas que hai tres ou catro anos se incorporaron á practica desta disciplina, a través das Gaélico Escolas PuntoGal, son agora mozos e mozas de entre 15 e 17 anos que serán parte deses equipos Sub-18. Eles e elas son o futuro, pero tamén son xa o presente do fútbol gaélico en Galicia.
A Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) é o organismo regulador oficial do fútbol gaélico en Galicia, dende a súa aprobación oficial na convención Europea dos deportes gaélicos en decembro de 2013, o cal garántelle de carácter oficial internacional recoñecido polo máximo órgano, a Gaelic Athletic Asociation (GAA).
Boa parte das actividades da AGFG intégranse dentro da RFGF (Real Federación Galega de Fútbol).