Comeza o ciclo Espazos Sonoros, que une música antiga e patrimonio en escenarios singulares da provincia

O convento de Santo Antonio de Herbón, en Padrón, foi o escenario da apertura dunha nova edición do ciclo Espazos Sonoros, promovido pola área de Patrimonio da Deputación, que busca poñer en valor a música antiga e o patrimonio cultural e arquitectónico da provincia. O concerto inaugural correu a cargo de Il Concerto Intempestivo e incluíu unha visita ao conxunto conventual e á igrexa románica de Santa María.
O programa desenvolverase ata o 4 de outubro en diferentes espazos singulares da provincia, entre eles o faro de Estaca de Bares (Mañón), o Estaleiro do Ciprián (Outes), o santuario da Virxe do Camiño (Muros) ou o Teatro de Beneficencia de Ortigueira, que acollerá o concerto de clausura.
Entre as formacións participantes destacan Per-Sonat, Alexia Crhysomalli & Óscar Antolí, Vox Stellae, Paulina Ceremużyńska e Manuel Vilas, Suelen Estar Quartet, Rosana Orsini e ensemble freymut, que ofrecerán recitais de primeiro nivel internacional.
Durante a inauguración, o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Penas, subliñou que o obxectivo é “poñer en valor o noso patrimonio e a música antiga, e tamén reflexionar sobre a necesaria retención do talento que temos para evitar que teña que emigrar a outros países”. Engadiu que Espazos Sonoros é “un festival cun selo de calidade, que aposta polo complemento de actividades arredor da música e do patrimonio”.
A programación complétase con actividades paralelas como visitas guiadas, percorridos pola natureza e accións divulgativas arredor do patrimonio cultural e natural. Así, haberá unha xornada en Bares con visita ao faro (7 de setembro), a Ruta dos carpinteiros cos pés mollados (13 de setembro), unha ollada ao patrimonio histórico e industrial de Muros (20 de setembro), ou unha visita ao castro da Graña e á igrexa de Santo Antoíño de Toques (27 de setembro).
Os concertos son de balde e con entrada libre, agás os recitais en Santo Antoíño de Toques e no Centro Etnográfico do Río Mandeo, que precisan inscrición previa. Toda a información está dispoñible na web oficial: espazossonoros.org.