Comeza o XVII Santiago(é)Tapas con 76 tapas a concurso en 48 locais

O certame gastronómico desenvolverase ata o 8 de marzo en Compostela, cun total de 76 propostas elaboradas por 48 establecementos, seis máis que na edición anterior
Santiago e tapas
20 Feb 2026

O XVII Santiago(é)Tapas, organizado por Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, comezou oficialmente esta mañá tras a inauguración celebrada en O Sendeiro, un dos locais gañadores da pasada edición.

Ao acto asistiron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a concelleira de Turismo, Miriam Louzao; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; así como representantes da Corporación municipal e das entidades colaboradoras.

Ata o 8 de marzo poderán degustarse en Compostela un total de 76 tapas —oito máis que en 2025— elaboradas por 48 locais, seis máis que na edición anterior. Os establecementos están distribuídos en oito (é)Tapas con nomes inspirados nos Camiños de Santiago. Ademais, existen tres rutas especiais: doce, vexetariana e sen glute.

O Tapasporte, que permite selar as degustacións e optar a premios, pode recollerse na Oficina de Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63) e nos locais participantes. Entre os agasallos figuran produtos galegos de calidade diferenciada (DOP, IXP, produción ecolóxica e artesanía alimentaria), viños, cervexas, cafés e unha estadía de dúas noites no Hotel Gaio 7.

Premios do certame

O concurso outorgará tres galardóns principais mediante voto ponderado do xurado profesional e do público:

  • Premio á Mellor Tapa Doce (1.000 € e agasallo de Café Dromedario).
  • Premio Compostela Gastronómica á Mellor Tapa Tradicional (1.000 €).
  • Premio Deputación da Coruña á Mellor Tapa Creativa (1.000 €), que representará a Santiago no concurso autonómico De Tapas por Galicia.

Ademais, haberá premios especiais á mellor tapa maridada con viño ou cervexa, á mellor proposta con produto de calidade diferenciada, á mellor tapa vexetariana/vegana e á mellor tapa sen glute.

O certame está encadrado dentro da marca “Compostela Gastronómica” e conta co patrocinio principal de Hijos de Rivera, a través das marcas Estrella Galicia, Ponte da Boga e Cabreiroá, así como coa colaboración de diversas entidades e empresas do sector.

⚙ Configurar cookies
0.29328203201294