Comeza un novo curso de iniciación á apicultura na Casa do Mel de Goente

A Casa do Mel de Goente e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria organizan en setembro un novo curso de iniciación á apicultura.
curso apicultura goente portada
3 Sep 2021

A Casa do Mel de Goente, en colaboración coa Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) organiza en setembro un novo curso de iniciación á apicultura, aberto a toda a poboación.

A actividade está prevista para os días 4, 5 e 11 de setembro en horario de mañá, de 09.00 a 14.00 horas. O curso realizarase nas propias instalacións da Casa do Mel e combinará a formación teórica e a práctica cun mínimo de dez participantes.

Os interesados en participar xa se poden inscribir chamando á entidade ao número de teléfono 981 102 249.

O obxectivo principal deste curso é facilitar a entrada neste sector de apicultores adecuadamente formados e fomentar a competitividade e a eficiencia das explotacións. Así, búscase garantir unha xestión sustentable dos recursos naturais impulsando o desenvolvemento de pequenas explotacións economicamente viables. Nesa liña, quérese fomentar a transferencia de coñecementos e innovación aos produtores para alcanzar os obxectivos da Estratexia Europa 2020 dun crecemento intelixente, sustentable e integrador. Ao tempo, perséguese apoiar a prevención e a xestión de riscos nas explotacións apícolas e restaurar, preservar e mellorar os ecosistemas relacionados coa apicultura.    

O programa formativo, que consta de 6 horas teóricas e 9 prácticas, abordará primeiramente a bioloxía do enxame en relación ao apicultor e á colmea, tratando a maquinaria para a elaboración dos diversos produtos e os tipos de colmeas, entre outras cuestións. Tamén se falará da instalación do apiario e do manexo das colmeas e multiplicación de núcleos, a saúde das abellas e os obxectivos produtivos nunha explotación apícola. A maiores, tratarase a calidade do mel e o regulamento da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, a normativa sobre a ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións apícolas galegas e sobre a venda directa de produtos primarios, así como a prevención de riscos laborais na apicultura.

Cabe engadir que o curso está dirixido a persoas vinculadas coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

curso casa do mel goente apicutlura
0.12448287010193