Comezan os Orzamentos Participativos de Mocidade cun ciclo de cine dos 80 na Alameda

O luns 7 de xullo arrinca en Santiago o ciclo “Cine baixo as estrelas de verán”, unha actividade dos Orzamentos Participativos da área de Mocidade. Proxectaranse cinco clásicos dos anos 80 escollidos pola mocidade nas redes sociais.
Cine saNTIAG
7 Jul 2025

O vindeiro luns 7 de xullo dará comezo o ciclo “Cine baixo as estrelas de verán”, unha das actividades máis votadas no proceso dos Orzamentos Participativos da área de Mocidade do Concello de Santiago. Durante toda a semana proxectaranse na Alameda cinco películas emblemáticas dos anos 80, elixidas pola propia mocidade a través dunha votación nas redes sociais da Concellaría de Xuventude.

O programa comezará o luns con “O club dos poetas mortos”, seguido de “ET” o martes, “Gremlins” o mércores, “A morta séntavos tan ben” o xoves, e pecharase o venres con “Os Goonies”. Todas as proxeccións terán lugar no paseo central da Alameda, a partir das 22:30 horas, e a asistencia será libre e gratuíta.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, destacou que este ciclo “permitirá ver na pantalla grande algúns dos grandes clásicos familiares cos que medramos na década dos 80, e esta será unha gran oportunidade para rememoralos en moitos casos cos nosos fillos e fillas”.

Esta proposta foi unha das máis votadas dentro dos Orzamentos Participativos de Mocidade, nos que a mocidade decidiu o destino de 100.000 euros do orzamento municipal. Entre os proxectos seleccionados destacan tamén outro ciclo de cine ao aire libre dedicado á difusión de obras audiovisuais de novas creadoras galegas con concertos en directo, un torneo de fútbol 7, xornadas de voluntariado no Refuxio de animais de Bando, concertos gratuítos de artistas actuais, cursos de primeiros auxilios e un festival de música urbana con exhibicións de freestyle e break dance.

Na votación participaron preto de 1.400 mozos e mozas, un 20 % máis que na edición anterior dos Orzamentos Participativos de Mocidade.

⚙ Configurar cookies
0.29854583740234