Compostela acende o Nadal cun espectáculo de circo no Obradoiro

Santiago de Compostela deuo pistoletazo de saída ás festas do Nadal co acto “Compostela prende o Nadal”, unha celebración que uniu música tradicional, circo contemporáneo e o acendido da iluminación.
O día comezou coa posta en marcha das luces no Mercado de Nadal da Carreira do Conde, tras o que partiron dúas ruadas musicais guiadas pola Agrupación Folcklórica Colexiata do Sar e Enxebres de San Lázaro.
Unha das comitivas, coa alcaldesa Goretti Sanmartín e membros da Corporación municipal, partiu da Carreira do Conde; a segunda, da Porta do Camiño. Ambas fixeron paradas na praza de Cervantes e na do Toural para prender a iluminación.
Á súa chegada ao Obradoiro, arredor das sete da tarde, tivo lugar o espectáculo da compañía Pistacatro, recentemente galardoada co Premio Nacional de Circo 2025. Pablo Reboleiro, Aitor Garuz, Santi Montero e Guillermo ofreceron un extracto de Sen patrón, onde a luz, os malabares e a destreza marcaron o preludio ao acendido do Nadal. Na conta atrás tamén participou Circo Mestura, coa disciplina de lolipop, interpretada por Rebeca Santos e Raquel Dávila.
Tras a exhibición, a alcaldesa louvou “o magnífico espectáculo de circo” e, ante un Obradoiro ateigado, convidou a toda a cidadanía a gozar dun Nadal intenso e diverso antes de proceder ao acendido.
O momento culminante chegou coa intervención de Duelirium, que realizou unha coreografía vertical sobre a fachada do Pazo de Raxoi. As artistas Raquel Oitavén, Merce Solé e Paula Quintas, acompañadas pola voz e música de Mónica de Nut, converteron o edificio nun escenario único preparado en exclusiva para esta noite.
Case 3.000 metros de corredores luminosos
A iluminación deste ano conta con 2.935 metros de corredores luminosos, 290 arcos, 296 motivos en farolas, 6 carteis e 8 elementos singulares. Ademais, instaláronse dous paraugas de grilandas no Toural e en Cervantes, dúas cortinas de luz, a iluminación artística do Pazo de Raxoi, a árbore de 20 metros do Obradoiro, elementos luminosos en 23 parroquias e iluminación en 125 árbores.
Co acendido xa realizado, abriuse o xardín dos xogos do Obradoiro, que incorpora novos elementos de xogo libre. Tamén quedou operativo o Mercado de Nadal da Carreira do Conde, ata o 5 de xaneiro, ao que se sumará o Mercado de Nadal de Área Central entre o 20 de decembro e o 5 de xaneiro.
A Carpa Roxa, que abrirá o 5 de decembro, acollerá máis de trinta actividades musicais e obradoiros. Pola súa parte, a Carpa da Alameda, desde o 19 de decembro, ofrecerá propostas pensadas para a cativada e contará cunha pista de xeo ecolóxica.