Compostela acollerá o 4 de outubro unha manifestación nacional en apoio a Palestina

As plataformas Galiza por Palestina e Galiza pola Paz convocan a mobilización baixo o lema "'Galiza con Palestina. Resistencia, Paz e Liberdade'
concentracion-palestina
25 Sep 2026

Compostela acollerá o vindeiro 4 de outubro unha manifestación nacional en apoio ao pobo palestino, convocada polas plataformas Galiza por Palestina e Galiza pola Paz. A marcha partirá ás 12:00 horas da Alameda compostelá baixo o lema «Galiza con Palestina. Resistencia, Paz e Liberdade».

As entidades convocantes fixeron un chamamento á participación durante unha rolda de prensa na que denunciaron a situación que vive a poboación palestina e reclamaron unha resposta internacional. No manifesto, as organizacións sosteñen que os ataques contra Gaza continúan e denuncian tamén o incremento da violencia e as expulsións forzadas na Cisxordania ocupada.

Entre as principais demandas da mobilización figura un alto o fogo real, acompañado do cesamento dos ataques, a apertura permanente dos pasos fronteirizos e a entrada sen trabas de axuda humanitaria, incluíndo auga, combustíbel e material sanitario e educativo. Tamén reclaman unha investigación independente sobre os crimes contra a humanidade denunciados e apoian o proceso aberto ante a Corte Internacional de Xustiza.

O manifesto reclama igualmente á Unión Europea a suspensión do Acordo de Asociación e das relacións preferentes con Israel mentres continúen as violacións do dereito internacional. No caso do Estado español, as entidades esixen a ruptura das relacións comerciais e militares con Israel e o impulso de medidas de rendición de contas no ámbito internacional.

As plataformas tamén dirixen as súas demandas á Xunta de Galicia, á que reclaman que adopte unha posición clara en defensa da legalidade internacional e que cancele as relacións institucionais, comerciais ou de cooperación que manteña con entidades que, segundo as organizacións convocantes, sexan cómplices da ocupación.

Finalmente, o manifesto reivindica o dereito do pobo palestino á autodeterminación e o dereito ao retorno das persoas refuxiadas, así como a aplicación do dereito internacional.

0.30620098114014