Compostela celebra as Festas da Ascensión do 28 de maio ao 1 de xuño con música, tradición e actividades para todos os públicos

Do 28 de maio ao 1 de xuño, Compostela volverá encherse de música, tradición e festa coa celebración das Festas da Ascensión. A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, presentou hoxe no Pazo de Raxoi o cartel e o programa, que abrangue desde grandes concertos ata actividades populares como os Cantos de Taberna, a feira cabalar ou a Romaría das Flores.
O cartel deste ano, creado por Rosa de Cabanas, baseouse nunha imaxe de 1919 e rende homenaxe ás mulleres do rural que fixeron posible a tradición destas festas.
As atraccións da Alameda estarán dispoñibles do 17 de maio ao 3 de xuño, con horarios inclusivos sen ruído os días 23 e 31 de maio e 1 de xuño. O Punto Lila estará operativo entre o 28 e o 31.
A programación musical aposta forte pola música galega e en galego: Tanxugueiras, Guadi Galego, Ailá, Queralt Lahoz ou o Composfest compartirán protagonismo coas agrupacións tradicionais do concello. Ademais haberá alboradas, ruadas, concertos, orquestras, exposicións de vehículos, actividades infantís e deportivas, sen esquecer a XXIV Carreira da Ascensión.
O día grande será o 29 de maio, coa feira cabalar, os cabezudos, o concerto da Real Filharmonía e, como prato forte, Tanxugueiras na Quintana. O peche chegará o domingo coa actuación de Guadi Galego.