Compostela celebra o Día das Mulleres Rurais cun encontro no Centro Sociocultural da Gracia este sábado

O acto, organizado polo Concello de Santiago, terá lugar o sábado 18 de outubro ás 11.30 horas e incluirá un monólogo humorístico de Leti da Taberna. A alcaldesa Goretti Sanmartín será a encargada de clausurar o evento.
Dia das Mulleres
16 Oct 2025

O Concello de Santiago de Compostela organiza un acto festivo este sábado 18 de outubro ás 11.30 horas no Centro Sociocultural da Gracia para celebrar o Día Internacional das Mulleres Rurais, que se conmemora este mércores 15.

O encontro será inaugurado pola concelleira de Relacións Veciñais, Pilar Lueiro, e clausurado pola alcaldesa, Goretti Sanmartín. Tras a apertura oficial, o público asistente poderá desfrutar dun monólogo humorístico a cargo de Leti da Taberna, humorista e creadora de contido dixital que vive no rural compostelán e que se caracteriza polo seu ton próximo e reivindicativo.

A continuación, darase lectura a un manifesto en recoñecemento ás mulleres rurais, poñendo en valor o seu papel esencial na vida económica, social e cultural das comunidades, así como na preservación da biodiversidade e na seguridade alimentaria.

O Día Internacional das Mulleres Rurais celébrase anualmente o 15 de outubro, data proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 2007. Esta xornada busca visibilizar a contribución fundamental das mulleres do rural e reivindicar a igualdade de oportunidades e dereitos para todas elas.

⚙ Configurar cookies
0.25407314300537