Compostela suma 131 distincións SICTED en turismo de calidade

O Concello de Santiago entregou as distincións do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino (SICTED) a 131 empresas e servizos turísticos, cinco máis que no ano anterior e máis do dobre das 60 recoñecidas en 2018, ano da recuperación deste selo de calidade. Trátase da cifra máis alta dende aquela data.
O acto de entrega tivo lugar na Casa das Asociacións de Cornes, coa participación da concelleira de Turismo, Míriam Louzao; o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Penas; a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil; e o presidente da Asociación de Guías de Turismo de Galicia, Joaquín Rubal.
Louzao destacou que a calidade é unha ferramenta clave para un novo modelo turístico baseado no valor engadido. Tamén subliñou o traballo realizado nas redes sociais do SICTED, recoñecido co segundo premio á Mellor visibilidade do destino en medios durante Fitur.
Pola súa banda, Xosé Penas fixo fincapé na importancia do patrimonio como sinal de identidade e recurso económico sostible, destacando o labor das persoas e entidades que traballan para combinar protección patrimonial, promoción turística e rendibilidade.