Compostela xa ten cabeza de cartel para as festas “máis picheleiras”: Tanxugueiras actúan na Ascensión

A concelleira de Festas de Santiago, Pilar Lueiro, anunciou que Tanxugueiras actuará o vindeiro 29 de maio na praza da Quintana, dentro das Festas da Ascensión, abrindo así o cartel da programación. Trátase dun dos últimos concertos da súa exitosa xira Midas, que as levou a máis de 120 escenarios por todo o Estado e que remata este ano.
O trío, formado por Aida Tarrío e as irmás Sabela e Olaia Maneiro, compartiu tamén a novidade a través das súas redes sociais, mostrando a súa emoción por tocar “nunha das prazas máis importantes para nós e nunha das cidades máis importantes para nós, que é Compostela”.
Lueiro destacou que as festas compostelás seguen apostando pola música galega e por grupos con gran repercusión, seguindo a liña do ano pasado co éxito das Fillas de Cassandra na mesma praza. “Son as festas máis picheleiras e queremos que representen tamén o talento e a identidade galega”, sinalou a concelleira.
O concerto das Tanxugueiras chega no ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas ás mulleres cantareiras e pandereteiras da tradición oral, unha homenaxe que conecta directamente co traballo que o grupo leva facendo desde os seus comezos: reinterpretar os sons tradicionais galegos con linguaxe e sonoridade actuais, e levalos aos grandes escenarios.
O seu álbum Diluvio acumula máis de 60 millóns de reproducións nas plataformas dixitais e alcanzou o número 1 en vendas físicas na semana do seu lanzamento. Ademais, o trío fixo historia ao encher o Coliseum da Coruña, sendo as primeiras artistas que cantan en galego en logralo, vendendo máis de 5.000 entradas en só 24 horas.
Está previsto que este luns, 5 de maio, a Xunta de Goberno Local aprobe o inicio do expediente de contratación desta actuación, que será un dos pratos fortes das festas deste ano.