Confirmada a presenza do mosquito tigre en 22 concellos galegos

A Consellería de Sanidade confirmou a presenza do mosquito tigre (Aedes albopictus) en 22 concellos galegos, tras os resultados das mostraxes realizadas durante 2026. Esta foi unha das cuestións abordadas no día de onte no terceiro e derradeiro Comité Técnico Interdepartamental do Mosquito Tigre deste ano, convocado pola Dirección Xeral de Saúde Pública.
Durante a xuntanza, os entomólogos da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (Regavivec) expuxeron os resultados das mostraxes realizadas ao longo deste ano, nas que se obtiveron resultados positivos en 19 concellos. A presenza do vector confirmouse por primeira vez en dez deles: A Coruña, As Neves, Baiona, Marín, Mondariz, Mondariz-Balneario, Pazos de Borbén, Pontevedra, Soutomaior e Tomiño.
Estes concellos súmanse aos 12 nos que xa se confirmara a presenza da especie: Bueu, Cangas de Morrazo, Moaña, Mos, O Porriño, Poio, Ponteareas, Redondela, Salvaterra de Miño, Tui, Vigo e Vilaboa. Polo tanto, son 22 os municipios galegos nos que existe evidencia de detección do mosquito tigre, aínda que o seu grao de asentamento deberá determinarse ao longo dos próximos anos.
A Consellería de Sanidade presentou os datos sobre a expansión progresiva do mosquito tigre en Galicia desde a súa primeira detección en 2023. A comparativa dos mapas dos concellos nos que se notificaron a través da aplicación Mosquito Alert con aqueles nos que Regavivec confirmou a presenza da especie amosa unha expansión progresiva do vector na comunidade, en consonancia co que acontece en España e Europa.
Neste sentido, salientouse que as notificacións da cidadanía a través de Mosquito Alert constitúen unha fonte de información relevante para a vixilancia, pero que a confirmación da presenza do vector no territorio galego corresponde á vixilancia entomolóxica realizada polos especialistas de Regavivec.
O comité abordou igualmente os resultados da vixilancia epidemiolóxica das enfermidades que pode transmitir este mosquito, como o dengue, o zika e o chikungunya. Segundo se trasladou na reunión, todos os casos de arboviroses detectados en Galicia ata o momento foron importados.
O Comité Técnico Interdepartamental do Mosquito Tigre é un foro de intercambio de información e coñecemento entre os organismos implicados, así como de coordinación das actuacións de vixilancia e control nas zonas con presenza da especie.
Nesta última reunión foron convocados diferentes departamentos da Xunta de Galicia, Sanidade Exterior e as administracións locais dos 22 concellos nos que se confirmou a presenza do mosquito tigre: A Coruña, Baiona, Bueu, Cangas de Morrazo, Marín, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, As Neves, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vigo e Vilaboa.
Desde o comité destacouse a importancia de manter informada á cidadanía sobre as medidas de prevención fronte ao mosquito tigre. Para iso, a Dirección Xeral de Saúde Pública pon á disposición da poboación e dos concellos, a través da súa web, materiais como carteis e trípticos. Como novidade este ano, publicáronse tamén boletíns informativos cos resultados da campaña de vixilancia.
De cara a 2027, reforzaranse as actividades de información e formación dirixidas tanto á cidadanía como a colectivos específicos, entre eles Protección Civil, persoal das oficinas de farmacia e profesionais das distintas áreas sanitarias, con especial atención á provincia de Pontevedra, onde se concentra actualmente a presenza confirmada do vector.
Así mesmo, prevese manter unha rede sentinela de trampeo durante os próximos meses co obxectivo de detectar de forma temperá a actividade do mosquito tigre no vindeiro ano.