Os primeiros resultados do escrutinio dan igualdade ao PP e o PSOE

PP e PSOE igualan en escanos, cunha baixada máis clara da dereita
primeira-estimacion-de-voto
29 Nov 2026

Co 4,21% do escrutinio realizado, o maior número de escaños é para o PP, con 118 escaños, moi igualado ao PSOE (116). Os populares xunto a VOX (49) non acadarían a maioría absoluta que está en 175.

No tocante a Galicia, o BNG lograría dobrar a súa representación acadando dous deputados (antes tiña 1).

Unha participación de récord

Pechan os colexios electorais en todo o territorio peninsular aínda que os primeiros resultados electorais non se coñecerán ata as 21.00 horas. As enquisas avanzan xa unha vitoria do PP, que podería gobernar en coalición con VOX.

Ás 18.00 horas, a participación nos actuais comicios electorais acadaron o 67,71 %, o que supón que 2.141.917 persoas exerceron o seu dereito ao voto dun total de 3.163.232 persoas inscritas no censo. Iso supón 14 puntos porcentuais por riba do rexistrado no ano 2023 e cumpre as expectativas da chamada á votación dos grupos políticos. A falta de coñecer o resultado final, a votación acadou cifras de récord.

Na provincia da Coruña, a participación está por riba da media do Estado, cun 68,19 % (12 puntos por riba de 2023). En Lugo, pola contra, están por debaixo (66,19%) aínda que co mesmo crecemento respecto a 2023. Ourense móvese na mesma porcentaxe (66,29 % e crecemento de 12 puntos) e Pontevedra lidera o volume de votantes cun 69,42 % aínda que en relación ao ano pasado é de 11,9 puntos superior.

Arredor do 45,71% da poboación exerceu o seu dereito ao voto durante a mañá en todo o Estado, o que supuxo 15.663.302 persoas de 34.260.197 do censo. Este dato estaba 5 puntos por riba das eleccións de 2023.

Na provincia de Lugo o dato foi do 42,65 % do electorado, tamén 5 puntos por riba dos últimos comicios. Na Coruña a porcentaxe foi superior, do 43,72 %, moi parecido a Ourense (43,96 %), sendo Pontevedra a provincia máis madrugadora co 44,15 % dos votos emitidos. Nestas dúas últimas, na comparativa co ano 2023 tamén foi superior, pero por debaixo dos 5 puntos (4.9 e 3,8, respectivamente). Nos catro casos estaban por debaixo da media do Estado.

Falta de papeletas en colexios de Lugo

Aínda que a votación se iniciou sen incidencias destacadas, en varias mesas electorais da cidade de Lugo suspendeuse a votación a última hora da mañá pola falta de papeletas, concretamente as do Senado, o que obrigou a suspender a votación no Aulario de Veterinaria, no Edificio Multiusos da Xunta de Galicia, nas Mercedes, que estivo tres horas e media sen papeletas, e no Veral, que faltaron dúas horas.

O coordinador de campaña do PSdeG-PSOE de Lugo, Lucho Lago Lage, responsabiliza ao "desgoberno" de Candia de que “por primeira vez en anos” se suspenda a votación nalgúns colexios electorais. O coordinador socialista responsabiliza o goberno municipal do PP e esixe á alcaldesa, Elena Candia, que actúe de inmediato para garantir o "dereito democráctico" da cidadanía de elixir aos seus representantes nestas eleccións.

O coordinador electoral lembrou que as interrupcións se suman aos problemas de acceso que o PSdeG denunciou esta mañá no Telecentro do Castiñeiro e no CEIP Albeiros.

Pola súa banda, Elena Candia asegurou que todo estaba correcto ao inicio da xornada electoral e que a desaparición das papeletas do Senado produciuse durante a mañá, faltando só as papeletas e non os sobres, polo que se sospeita que puideron ser substraídas.

O Partido Popular de Culleredo denunciou ante a Xunta Electoral e a Garda Civil os actos vandálicos sufridos na súa sede, onde esta mañá apareceron pintadas con insultos dirixidos a Alberto Núñez Feijóo e varios impactos de ovos nos cristais. A formación popular confía en que se identifique os responsables do ataque.

O episodio rexistrado hoxe súmase ao arranque e roubo, esta mesma semana, de pancartas electorais do PP colocadas en distintos puntos do municipio.

En Arteixo, a difusión dun vídeo do PSOE no que se vía ao tenente de alcalde popular José María Sánchez Novo, introducindo papeletas nos sobres para os veciños rematou cunha denuncia penal contra os socailsitas. O Goberno municipal sinalou que o propio concelleiro presentou a reclamación por calumnias e pola difusión de vídeos "con información falsa" nas redes sociais.

A denuncia presentada ante as forzas de seguridade está apoiada polas declaracións da propia persoa que aparece no vídeo, quen afirma que solicitou axuda ao concelleiro porque, debido a problemas físicos de mobilidade nas mans, non conseguía introducir as papeletas nos sobres. "A escena foi presenciada tamén por outras persoas que se atopaban nese momento no centro cívico e que poden acreditar que non se produciu ningún tipo de mala práctica, senón que foi a propia muller quen solicitou previamente a axuda", din desde o PP.

Un apoderado do BNG resultou ferido como consecuencia dunha discusión entre dúas persoas no colexio electoral de Mondariz-Balneario (Pontevedra), na que intentou mediar. Este home, duns 67 anos, tivo que ser trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo.

Constitución das mesas

Ás 9.15 desta mañá quedaron constituídas as 3.912 mesas electorais que acollerán durante a xornada de hoxe as eleccións xerais en Galicia. Ás oito da mañá constituíronse as tres primeiras mesas en Galicia: no Centro Social de Toimil, en Xove (Lugo), na antiga Escola Pública de San Cristovo, en Monterrei (Ourense) e no edificio de Servizos Múltiples de Neda (A Coruña). A primeira mesa que se constituíu na provincia de Pontevedra foi a do Centro Sociocultural de Trabanca, en Vilagarcía de Arousa, que o fixo ás 8 e un minuto.

A provincia de Ourense foi a primeira en completar a constitución da totalidade das súas 523 mesas electorais, coa última en Baños de Molgas. En Lugo, a última mesa en constituírse foi na Aula da Natureza de Friol e en Pontevedra, no CEIP Froebel da cidade de Pontevedra. Na Coruña, a última mesa constituída foi unha das situadas no Centro Ágora, na cidade da Coruña, ás 9 e cuarto. Nesta mesa, a Xunta Electoral acordou a prolongación en 15 minutos do horario de votación.

Durante a mañá a maior parte dos candidatos e candidatas exerceron o seu dereito ao voto nos seus respectivos colexios electorais. É o caso do BNG, no que xa votaron os cabezas de lista nas catro provincias, ao igual que Ana Pontón. No PP moitos dos candidatos xa exerceron o seu dereito ao voto, ao igual que os socialistas.

Máis de 2 millóns de electores

Neste domingo electoral están chamados a votar 2.734.433 electores e electoras, das que 2.217.410 persoas corresponden ao censo de electores residentes (CER) mentres que 517.023 son persoas do censo electoral de residentes estranxeiros (CERE). Un total de 75.980 persoas poderán exercer o dereito ao voto en Galicia por primeira vez.

Estas eleccións elixirán as persoas que ocuparán 23 escanos no Congreso dos Deputados e 16 no Senado polas catro circunscripcións electorais de Galicia.

En total hai 3.912 mesas en 2.307 locais electorais. Estas son xestionadas por 11.736 integrantes das mesas. No seguimento e recompilación de datos participan un total de 2.528 representantes da Administración. Ademais, contarán co respaldo de 7.697 efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade. En concreto, 4.241 da Garda Civil; 2.414 da Policía Nacional e 1.042 de Policía Local.

2.9870347976685