Continúa a alerta por escaseza de auga nos sistemas dos ríos Lérez e Anllóns e na Costa da Coruña e Baiona

A Xunta decidiu manter a situación de alerta por escaseza de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, e do río Anllóns e Costa da Coruña ata o límite con Arteixo, así como a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de alerta, sen chegar a declarala, no subsistema de Baiona, pertencente á unidade territorial río Verdugo.
A maiores, tamén se manteñen en prealerta por escaseza moderada de auga outras catro unidades territoriais da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, concretamente, as UTE do río Tambre e ría de Muros; do río Grande, en Camariñas; do río Mandeo e ría de Betanzos, e do río Landro e río Ouro.
Así o acordou esta mañá a Oficina Técnica da Seca, que estivo presidida polo xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, e á que asistiron tamén outros cargos directivos do organismo hidráulico, así como representantes de Protección Civil, de MeteoGalicia e das Consellerías de Sanidade e do Medio Rural.
Durante a reunión, os técnicos tiveron en conta tanto datos meteorolóxicos como a evolución dos caudais circulantes mensuais nos ríos da conca e outros indicadores de seca e escaseza, segundo o protocolo establecido no Plan especial de seca de Galicia-Costa.
Neste sentido, durante a reunión determinaron que as precipitacións rexistradas nos últimos días aínda non tiveron reflexo nos indicadores empregados para a avaliación, polo que o seu efecto deberá analizarse no seguinte informe, á vista da evolución destes indicadores e das condicións establecidas no Plan especial de seca para modificar os escenarios.
En concreto, nos datos de encoros a 24 de agosto aínda non se observa unha recuperación das reservas e cómpre avaliar agora o efecto desas precipitacións sobre os caudais dos ríos e os indicadores de escaseza. Ademais, o Plan establece condicións de saída dos escenarios que esixen unha recuperación suficientemente consolidada dos indicadores, polo que un episodio puntual de chuvia non implica automaticamente levantar unha prealerta ou unha alerta.
En total, 91 concellos están total ou parcialmente incluídos nas unidades territoriais afectadas: 32 pola alerta ou por medidas equivalentes á alerta e outros 59 nas UTE en prealerta. Neste último caso, a incidencia práctica é desigual, xa que nalgúns concellos só unha parte reducida do seu territorio pertence á unidade afectada e o sistema principal de abastecemento capta a auga noutra bacía. Tendo en conta a procedencia da auga dos sistemas municipais principais, a prealerta ten maiores implicacións sobre o abastecemento en 35 concellos.
Os encoros de abastecemento de Galicia-Costa sitúanse, segundo os últimos datos dispoñibles, no 62,5 % da súa capacidade, 11,4 puntos porcentuais por debaixo do nivel rexistrado nas mesmas datas do ano pasado.
O nivel de alerta é o segundo máis alto dos establecidos no Plan de seca da demarcación Galicia-Costa para a xestión de situacións de escaseza conxuntural, sendo o último e máis elevado o de emerxencia. A efectos prácticos, esta declaración supón comezar a adoptar medidas para conservar os recursos hidráulicos existentes. Por exemplo, de ser necesarios, a prohibición de usos prescindibles como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns. Así mesmo, en caso de ser preciso, aplicaríanse cortes de auga puntuais.
En concreto, os 32 concellos afectados pola alerta, ou por medidas equivalentes á alerta, son Beariz, Barro, Bueu, O Campo Lameiro, Cangas, Cerdedo Cotobade, A Estrada, Forcarei, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda e Vilaboa, da UTE río Lérez; Arteixo, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Tordoia e Zas, do río Anllóns; e Baiona.
A situación de prealerta implica un seguimento intensivo da situación meteorolóxica e dos niveis de ríos e encoros nos sistemas afectados de Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. Ademais, prevense medidas de concienciación dirixidas á cidadanía para facer un uso responsable da auga e recomenda aos concellos minimizar os gastos públicos non esenciais. De feito, neste escenario solicitouse aos municipios que comunicaran a Augas de Galicia os seus datos diarios de caudais de consumo.
Os 59 concellos total ou parcialmente incluídos territorialmente nas UTE en prealerta e non contabilizados xa nas zonas de alerta son: Abegondo, Ames, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Carral, Curtis, Frades, Lousame, Mazaricos, Melide, Mesía, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Outes, Oza-Cesuras, O Pino, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Sobrado, Toques, Trazo, Val do Dubra e Vilasantar, da UTE río Tambre e ría de Muros; Camariñas, Laxe, Muxía e Vimianzo, da UTE río Grande; Aranga, Bergondo, Betanzos, Coirós, Irixoa, Miño, Monfero, Oleiros, Paderne, Sada, Vilarmaior, Friol e Guitiriz, do río Mendo e ría de Betanzos; e Alfoz, Foz, Muras, Ourol, O Valadouro e Viveiro, da cunca río Landro e río Ouro.
Cómpre lembrar que mediante o seguimento periódico da situación que fai a través da Oficina Técnica da Seca, o Goberno galego traballa para adiantarse e adoptar medidas ante un posible episodio a futuro de escaseza de auga, así como para garantir a toma de conciencia sobre a necesidade de facer un consumo responsable dos recursos hídricos.