Controlados os tres incendios que afectan aos concellos de Monfero, Guitiriz, Ourol e Taboada

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal
incendios-bombeiros-forestais-galicia
30 Jul 2026

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 14,00 horas de hoxe.

Ás 22,22 horas de onte quedou controlado o incendio forestal do concello coruñés de Monfero, parroquia do Alto de Xestoso, rexistrado onte ás 14,26 horas. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas, parte delas no municipio lucense de Guitiriz. Para a súa extinción mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 15 axentes, 18 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 4 avións.

Desde as 13,36 horas de hoxe está controlado o incendio forestal rexistrado no municipio de Ourol, parroquia de Merille, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas. Comezou onte ás 13,35 horas e para a súa extinción mobilizáronse, ata o de agora, 2 técnicos, 8 axentes, 17 brigadas, 16 motobombas, 3 pas, 3 helicópteros e 2 avións.

Continúa controlado desde as 19,31 horas de onte o incendio do concello de Taboada, parroquia de Insua, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 40 hectáreas. Para a extinción deste incendio, orixinado ás 16,44 horas deste martes, mobilizáronse, polo de agora, de xeito acumulado, 5 técnicos, 16 axentes, 31 brigadas, 23 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 6 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.

0.3599112033844